A Deputación inclúe nos cuartos Premios PEL un galardón para distinguir innovación anti-COVID

xoves, 12 de novembro do 2020 S. P.

Entrega de galardóns da edición 2019 dos premios

A Deputación da Coruña convocou a cuarta edición dos Premios PEL, que incluirán un recoñecemento para as iniciativas que poñan en xogo innovación anti-COVID. Repartiranse un total de 75.000 euros en premios destinados a pemes, microempresas, persoas profesionais autónomas, concellos e asociacións empresariais.
O prazo para presentar candidaturas abrirase en canto se publique a convocatoria na Base Nacional de Subvencións.
O ano pasado recibiuse unha cifra considerábel de propostas: máis de 230. Trátase dun dos certames de meirande participación e acollida na escena provincial, sinala a organización.
Os premios insírense na liña PEL-Emprende do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación. O seu obxectivo é o de “recoñecer o esforzo e implicación das empresas, das asociacións empresariais e dos concellos da provincia no desenvolvemento económico e na creación de emprego e riqueza”.
Como dixemos, nesta convocatoria repartiranse un total de 75.000 euros, con 15.000 euros para cada categoría.
Este ano, “debido a excepcionalidade da situación que estamos a vivir”, a Deputación ten en consideración dedicar un premio dirixido a aquelas iniciativas innovadoras que, impulsadas tanto por empresas como por concellos, contribúan á loita contra a COVID-19.
Deste xeito, ás cinco categorías que conforman esta nova edición son:
1ª categoría: Premio á mellor iniciativa empresarial nova.
2ª categoría: Premio á mellor iniciativa empresarial consolidada.
3ª categoría: Premio á mellor iniciativa innovadora na loita contra a COVID-19.
4ª categoría: Premio ao concello promotor do emprego de calidade.
5ª categoría: Premio á mellor asociación empresarial.

PUBLICIDADE