A Deputación de Pontevedra quere mellorar a comunicación dixital en ámbalas beiras do Miño

martes, 21 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

Afondar na realidade dos medios de ámbalas beiras do Miño para achegar un diagnóstico da comunicación compartida e mellorar aínda máis o seu estado de saúde. Este é un dos grandes obxectivos de A raia no medio, un estudo sobre os medios fronteirizos galego-portugueses impulsado polo Departamento de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra, dirixido por Uxío Benítez, en colaboración co Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI). A través deste traballo, elaborarase unha base de datos das iniciativas de comunicación local, desde radios a xornais físicos e dixitais, a iniciativas en redes sociais, blogs ou revistas e magazines.
O obxectivo é “identificar as fortalezas e debilidades da comunicación” dixital e tradicional neste territorio por medio da sistematización e análise de entrevistas a medios de comunicación, responsábeis institucionais e “persoas chave” no ecosistema da eurorrexión, como expertas na cooperación transfronteiriza, ou entidades referenciais da sociedade civil galega e portuguesa.
Segundo explicou o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director da AECT Río Miño, Uxío Benítez, esta iniciativa permitirá “fortalecer o coñecemento mutuo entre os medios de comunicación do territorio que comprende o río Miño”. A idea é facilita “a creación de novos mecanismos que permitan unha maior e mellor comunicación”.
Nunha primeira fase de traballo, o IGADI centrouse na identificación das ducias de medios de comunicación de ámbito local existente no espazo da AECT Río Miño. Neste primeiro contacto, constatouse “unha alta ilusión na procura de fórmulas que axuden a diluír a fronteira e a promover un desenvolvemento integral no territorio galego-portugués”.
O proxecto rematará entre os meses de outubro e novembro coa presentación do informe final e a realización dun obradoiro de contraste aberto á participación das entidades que formaron parte do estudo e da cidadanía en xeral.
O proxecto pode seguirse por medio das redes sociais do IGADI a través do cancelo #ARaiaNoMedio. As persoas ou entidades interesadas en participar ou coñecer máis de preto este proxecto poden facelo a través do enderezo electrónico info@igadi.org.

PUBLICIDADE