A Deputación de Pontevedra quere afianzar a comunicación coa cidadanía na súa nova páxina web

martes, 13 de decembro do 2016 Redacción

Onte presentábase perante os medios a nova páxina web da Deputación de Pontevedra, e facíao a presidenta da Deputación, Carmela Silva e o vicepresidente, César Mosquera. Dende a Deputación fíxose fincapé en que a viraxe desta páxina foi feita polos propios servizos de comunicación e de novas tecnoloxías da institución provincial. Así, o novo espazo web estrearase este xoves 15 de decembro e pasará a substituír ao actual, que, segundo fixeron saber Silva e Mosquera, “pola súa dificultosa navegación facía minguar as visitas por parte dos cidadáns”.
En canto á nova web, Silva salientou que é moi visual e máis transparente pois vai contar con toda a información institucional para que todos os que o desexen poidan coñecer o traballo da Deputación de Pontevedra. "Vai ser unha páxina moito máis participativa, continuou Silva, para que poidamos achegar a representación política aos cidadáns con enquisas semanais mellorado así a nosa comunicación cos pontevedreses e pontevedresas".
César Mosquera apuntou que se foron poñendo en orde os contidos para aumentar a súa visibilidade e comodidade para os usuarios: "En moitas ocasións hai unha disputa política para que aparezan moitas cousas. Neste caso houbo un esforzo en reducir os campos para facilitar a lexibilidade e o uso. Agardo que sexa un éxito".
A presidenta tamén subliñou a maior presenza dos concellos da provincia, "que terán un apartado para as súas novas ou aquilo que queiran amosar na nosa páxina".
Outra das novidades tecnolóxicas que presenta a nova web é a súa adaptación aos distintos formatos de navegación, non só dende os computadores senón tamén dende tabletas ou teléfonos móbiles.
Carmela Silva lembrou a clara aposta que está a facer a Deputación de Pontevedra polas novas tecnoloxías: "Estamos activamente en Twitter, Facebook, Youtube, Instagram, Periscope e Linkedin. En Twitter, xa somos a Deputación galega con maior número de seguidores, 7.276, e acadamos case 400.000 impresións mensuais nesta rede social”.

PUBLICIDADE