A Deputación de Pontevedra presenta SmartPEME no salón Franquiatlántico

venres, 24 de febreiro do 2017 Redacción

dá comezo a XVII edición do salón Franquiatlántico Franquicias & Negocios no Exhibition Center da Terminal de Cruceiros do Porto de Vigo e alí tamén terá o seu stand o programa SmartPEME da Deputación de Pontevedra. Neste salón, con entrada de balde, agárdase a visita de máis de 300 firmas e entidades e convócanse aos interesados no emprendemento e en iniciar o seu propio negocio baixo o modelo da franquía.
Así, no posto de SmartPEME darase a coñecer este programa da Deputación encamiñado a asesorar autónomas e autónomos, persoas emprendedoras e empresas xa consolidadas para promover o uso de ferramentas tecnolóxicas que poidan axudar no desenvolvemento dos seus negocios, incrementar a súa visibilización ou produtividade, entre outras cousas.
Os cursos de formación que organiza a Deputación de Pontevedra son de carácter gratuíto, e abranguen temas como a realización de anuncios en Facebook, a elaboración dunha estratexia dixital que emprega o correo electrónico como ferramenta de márketing, a utilización de Google Apps, a avaliación de Twitter como rede social de transmisión de novas empresariais ou a difusión de contidos a través de Instagram, YouTube ou Periscope.
Asemade, o persoal técnico de SmartPEME realiza tarefas de titorización na achega das novas tecnoloxías tanto para as persoas como para as empresas participantes no programa e mesmo informa sobre axudas no eido tecnolóxico.

PUBLICIDADE