A Deputación de Pontevedra permitiu a celebración segura de centos de xuntanzas municipais

xoves, 7 de xaneiro do 2021 Redacción

A Deputación de Pontevedra rematou o ano facendo balance das súas principais liñas de actuación en materia de transformación municipal: recursos postos en xogo para favorecer a adaptación dos concellos á Administración Electrónica, á telexestión e ao teletraballo. No balance, amais do servizo provincial de eAdministración ou o padrón municipal de habitantes, a entidade pontevedresa salienta outros fitos como a plataforma telemática para reunión de órganos colexiados (que permitiu centos de xuntanzas de traballo), o sistema de cita previa para a atención da cidadanía evitando aglomeracións ou a aplicación móbil para a xestión dos tributos do ORAL que ceiba á cidadanía dos desprazamentos ás oficinas para realizar pagamentos.
Respecto do módulo de reunións virtuais e retransmisión en directo, trátase dun servizo que permite sesións telemáticas dos órganos colexiados, reunións, mesas de contratación e traballo colaborativo entre persoal funcionario a distancia. Así celebráronse mediante este sistema a distancia 189 plenos municipais, 248 xuntas de goberno, 265 comisións informativas, 176 mesas de contratacións, 1.293 sesións telemáticas para reunións de traballo interno entre o persoal das administracións locais e 119 sesións telemáticas para a composición de tribunais, entre outras cuestións.
No que respecta á cita previa, tamén impulsada este ano e integrada no programa de Administración Electrónica, da Deputación, trátase “dun servizo que permite reservar con anterioridade unha cita presencial, telemática ou telefónica no concello, evitando aglomeracións e garantindo o mantemento das distancias de seguridade e a correcta atención da cidadanía”. Neste caso, realizáronse preto de 11.000 citas previas dende a posta en marcha do servizo, que permitiron realizar preto de 9.000 atencións presenciais, 1.855 telefónicas e 50 telemáticas.
O servizo de Administración Electrónica impulsado pola Deputación de Pontevedra permitiu, amais, que os concellos da provincia puidesen manter a súa actividade e prestación dos servizos públicos durante o confinamento. Así, aproximadamente 6.150 persoas tiveron a oportunidade de seguir prestando a súa actividade tanto nos concellos da provincia como na propia institución provincial, de xeito remoto, evitando a paralización completa da actividade nas administracións. Neste mesmo eido o Goberno provincial lanzou tamén en xuño outras iniciativas como unha app móbil, en colaboración con Abanca, para facilitar o pagamento dos tributos municipais e calquera outro ingreso de dereito público xestionado polo ORAL.
Amais do anterior, tamén se impulsou o servizo de padrón municipal de habitantes, no que se investiu preto de medio millón de euros nos últimos tres anos, que permite a implantación dunha solución informática para xestionar estes datos, axeitadamente, en 31 concellos adheridos.
Ao padrón hai que engadir outras prestacións impulsadas pola institución provincial como o servizo de impresión e dixitalización para entidades locais da provincia, do que se benefician 34 concellos e unha mancomunidade, e permite custes máis competitivos neste ámbito; ou a copia de seguridade na nube, que posibilita cumprir cos requisitos técnicos do Esquema Nacional de Seguridade e do Regulamento Xeral de Protección de Datos.

PUBLICIDADE