A Deputación de Pontevedra impulsa a dixitalización turística de Cuntis e Caldas

martes, 23 de agosto do 2022 S. P.

A Deputación de Pontevedra está a espallar o proxecto Tourist Inside entre os concellos da provincia. Por exemplo os municipios de Cuntis e Caldas, cuxas oficinas de turismo van dar un importante paso en dixitalización grazas ao devandito proxecto, achegando experiencias interactivas a visitantes e residentes.
Así o constatou a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, acompañada do alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e do tenente de alcalde de Caldas, Manuel González, que detallaron algúns dos recursos que se van poñer en xogo: pantallas dixitais, balizas electrónicas ou unha impresora braille.
No que concirne ao punto de información de Cuntis o proxecto Tourist Inside permitirá a colocación dun tótem no seu exterior e dunha pantalla de 55 polgadas no interior. Ambos soportes servirán para ofrecer información turística de interese do destino Pontevedra provincia. A dixitalización deste punto de información completarase coa instalación dunha tableta para a realización de enquisas de satisfacción así como de 14 beacons, é dicir, balizas electrónicas que transmitirán información de interese aos móbiles das e dos visitantes a través da tecnoloxía Bluetooth.
A oficina de Caldas contará con dous tótems (un no seu interior e outro na zona exterior) así como cunha pantalla, tamén de 55 polgadas, onde se divulgarán contidos de interese turístico de Pontevedra provincia. “A estadía das e dos visitantes”, explicou a deputada, “contará ademais cunha tableta para que as persoas visitantes realicen enquisas de satisfacción”. En virtude destes recursos, engadiu, a oficina “adaptarase tamén ás demandas das persoas con diversidade funcional xa que contará cunha impresora braille, que permitirá ampliar a oferta de información escrita, e cun bucle magnético, que axudará a que as persoas con dificultades de audición desfruten por completo das visitas guiadas neste concello”. Ademais, instalaranse 13 beacons.
Ambas oficinas contan coa “Q” de Calidade turística, a de Cuntis acadou este fito o ano pasado mentres que a de Caldas fíxoo fai tres anos. Este distintivo é outorgado polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) o que as converte en referentes na atención aos visitantes, dado o grao de cumprimento dos estándares e procedementos certificados.

PUBLICIDADE