A Deputación de Pontevedra e Abanca lanzan unha app que facilita o pagamento dos tributos

martes, 2 de xuño do 2020 S. P.

A Deputación de Pontevedra, en colaboración coa entidade financeira Abanca, puxo en marcha este mes de xuño unha aplicación móbil para permitir o pagamento dos tributos municipais e calquera outro ingreso de dereito público xestionado polo ente provincial. Con esta nova ferramenta dixital, as persoas usuarias serán quen de realizar o pago dos impostos xestionados polo ORAL “cunha maior facilidade”, explicou a entidade provincial, salientando a vantaxe de poder abonalos “desde calquera lugar e en calquera momento dentro dos períodos de cobro de cada mes”.
A aplicación, dispoñíbel para os sistemas operativos Android e iOS, é de balde e xa se pode descargar nos acubillos en liña propios de cada sistema.
A Deputación explicou que creación desta nova aplicación móbil busca “fomentar a utilización da Administración Electrónica co obxectivo de evitar, nestes tempos de COVID-19, desprazamentos innecesarios fóra do fogar”. Atópase inserida dentro do paquete de medidas urxentes extraordinarias nos ámbitos social e económico establecido pola Deputación de Pontevedra para facer fronte ao virus.

PUBLICIDADE