A Deputación de Pontevedra, distinguida pola súa accesibilidade en liña

luns, 20 de novembro do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra vén de ver recoñecida a accesibilidade do seu portal web institucional e a súa sede electrónica, acadando respectivamente unhas puntuacións de 9,74 e 9,31 puntos sobre 10 na cuarta iteración realizada polo Observatorio de Accesibilidade Web pertencente ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital do Goberno de España. A revisión realizouse o pasado mes de xullo coa metodoloxía do seguimento simplificado UNE-EN 301549:2022.
Fontes da Deputación explicaron que no caso da puntuación obtida polo portal web, esta nota supón un incremento de 1,1 puntos respecto ao resultado anterior, mentres que a sede electrónica é a primeira vez que participa nesta análise. O portal institucional sitúase deste xeito na novena posición dos 750 sitios web analizados correspondentes a entidades locais,” unha importante mellora desde a posición número 58 da análise anterior”, explicou a Deputación, engadindo que caso das institucións provinciais “este recoñecemento é aínda mellor ao acadar a quinta mellor nota (11 na análise anterior), e a sede electrónica inicia a súa verificación nas posicións 42 e 8 desas mesmas categorías, respectivamente”.
Todas as páxinas analizadas do sitio web da Deputación de Pontevedra acadaron o máximo nivel de adecuación (AA). Pola súa banda a sede electrónica, con algún erro detectado en canto a accesibilidade no que xa está a traballar o persoal técnico da institución provincial, acadou tamén o nivel AA na valoración do seu conxunto.

PUBLICIDADE