A Deputación de Pontevedra dá novos pasos na transformación do comercio e da administración

venres, 22 de decembro do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra segue a avanzar na tramitación de proxectos financiados con fondos europeos que benefician aos concellos da provincia. Nesta ocasión, como informou o presidente provincial, Luis López, en rolda de prensa, a xunta de Goberno aprobou adxudicar dúas novas actuacións cun orzamento total de 558.000 euros e que beneficiarán a 46 concellos da provincia.
Por unha banda, adxudícase a instalación de dispositivos para reciclaxe de residuos especiais ao abeiro do proxecto Da túa man (rural) de apoio á actividade comercial a hostaleira local do rural da provincia por 38.659 euros nos concellos de Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves e Rodeiro. O obxectivo é achegar ao cidadán o servizo de recollida de pequenos residuos domésticos que poidan depositarse no punto limpo, pero que, polo seu volume ou tamaño, soen acumularse no fogar ou se eliminan na bolsa de lixo convencional, como DVD, luminarias, pilas, aparatos eléctricos e electrónicos de pequeno formato, teléfonos móbiles, cartuchos de impresoras, etc., sen chegar a ser trasladados a esa instalación
Pola outra banda, a Deputación adxudicou por 519.400 euros o proxecto de integración dos sistemas de Administración Electrónica de 45 concellos coa Carpeta Cidadá da Administración do Estado, a plataforma tecnolóxica que permite á cidadanía un acceso sinxelo e rápido a diferentes tipos de información relacionados cos seus trámites. O proxecto enmárcase dentro do programa de Transformación Dixital dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia, un programa financiado con 2,5 millóns de euros de fondos europeos e que está formado por cinco liñas diferentes.

PUBLICIDADE