A Deputación de Pontevedra comeza a emitir en streaming os seus plenos e actos institucionais

venres, 16 de setembro do 2016 Redacción

Será a finais deste mes de setembro (o día 30) cando a Deputación de Pontevedra estree as retransmisións en streaming, en directo a través de Internet, dos seus plenos e demais actos institucionais desenvolvidos nas dependencias provinciais. Emporiso, xa foi en xullo cando se adxudicou, mediante resolución presidencial, a contratación de adquisición de material técnico especial preciso para a retransmisión en streaming dos plenos provinciais así como os diversos actos institucionais que se desenvolven nas dependencias provinciais. O material adquirido consta de: tres cámaras de vídeo HD dixital, un módulo de vídeo-gravación, unha unidade de codificación e streaming, un monitor de 20 polgadas… entre outros elementos elementos que integran os subministros outorgados por un importe de 15.450 €.
Con esta proposta farase máis doado o seguimento dos plenos por parte da cidadanía, pois aínda que as xuntanzas son de carácter público, con esta medida non será preciso desprazarse até o Pazo provincial, só cunha conexión a Internet dende un computador, un teléfono móbil ou calquera outro dispositivo electrónico que admita a reprodución de vídeo en directo farase posíbel o dito seguimento.
Asemade, esta actualización contribuirá á axilización das tramitacións da cidadanía e ao acceso a toda a información e todos os servizos que están á disposición da cidadanía.
A Deputación de Pontevedra aposta deste xeito pola remodelación da súa imaxe en Internet mediante a renovación da súa páxina web para como dotando de contidos ás súas redes sociais, en especial a canle de YouTube, onde se poderán atopar as sesións plenarias e demais actos retransmitidos en streaming, amais de atoparse tamén publicados na páxina web da institución.

PUBLICIDADE