A Deputación de Pontevedra celebra o Día Mundial do Turismo cunha nova edición de TurisTIC

martes, 20 de setembro do 2022 S. P.

A Deputación de Pontevedra celebrará este 27 de setembro o Día Mundial do Turismo cunha nova edición de TurisTIC, foro de transformación do sector que contará coa presenza do secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, ademais de once personalidades do mundo da enogastronomía, o turismo natural e cultural, as novas tecnoloxías aplicadas ás experiencias turísticas ou os aloxamentos. Celebrarase en Vigo, cidade elixida polo Goberno central para conmemorar a data internacional, segundo salientou a presidenta Carmela Silva nunha comparecencia xunto ao alcalde Abel Caballero.
Silva destacou “a calidade” do programa de TurisTIC e anotou que “alí falarase de propostas e do turismo do presente e do futuro”. Carmela Silva indicou que o foro diríxese especialmente ao sector, ás administracións públicas e a medios especializados en turismo, se ben tamén está aberto a toda a cidadanía. O evento será retransmitido en streaming nas canles da Deputación de Pontevedra e as persoas interesadas en asistir presencialmente poden inscribirse na web de SmartPEME.
Este quinto TurisTIC leva por título Do KM cero ao metaverso e o programa desenvólvese a través de dúas mesas redondas e un relatorio, todos eles con destacados relatores. A primeira mesa versará sobre A realidade do novo turista. Estará moderada por Lorena Varela, xerente da Ruta do Viño Rías Baixas, e participarán Erich Eichstetter, responsable de transformación dixital do Basque Culinary Center; Rafa Centeno, chef do restaurante Maruja Limón, con unha estrela Michelin; Mar Rodríguez, xerente da axencia especializada en turismo natural, activo e cultural Tee Travel; e Mónica Crisóstomo, directora executiva (CEO) de Ideas Peregrinas, albergue de Tui e tenda de produtos en torno ao Camiño Portugués.
O relatorio posterior leva por título O turismo de proximidade: posicionarse nun mercado en plena revolución e será impartido por Sara Sánchez Remacha, CEO de Rusticae, club e portal de reservas de hoteis e apartamentos con encanto e casas de turismo rural consolidado como unha marca de prestixio neste eido.
A segunda mesa redonda abordará o Metaverso, o futuro máis próximo do turismo, e estará moderada por Beatriz Heras, responsábel de transformación dixital de ITH (Instituto Tecnológico Hotelero). Participarán nesta mesa Xoel Vázquez, co-fundador e director executivo de Xoia Software, empresa que crea experiencias inmersivas a través de Realidade Aumentada; Laura Rodríguez, responsábel de vendas de HotelVerse, empresa que cambia o paradigma de reservas hoteleiras cun sistema que permite ao usuario explorar de forma inmersiva os establecementos; Lorena Rosende, CEO e co-fundadora de Merasys, especializada en solucións baseadas na Intelixencia Artificial; e Vicky Vasán, co-fundadora de Inmersiva XR, un ecosistema para persoas interesadas na Realidade Estendida.
Ao rematar a xornada celebrarase un xantar networking e as persoas participantes farán un percorrido pola ruta de arte urbano de Vigo. "Non podemos rematar sen unha visita pola cidade para coñecer as medianeiras. É a cidade máis importante de Europa en número e calidade de medianeiras porque aquí pintaron os e as mellores representantes do muralismo do mundo", concluíu Carmela Silva.

PUBLICIDADE