A Deputación de Pontevedra avanza na transformación dixital dos concellos con novos proxectos e 1,4 millóns de euros

venres, 29 de decembro do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra segue a dar avances a prol da transformación dixital dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Faino a través do programa financiado con fondos europeos que beneficia a un total de 50 concellos da provincia. Nesta liña, o presidente provincial Luis López anunciou este venres 29 de decembro a adxudicación de novas actuacións cun orzamento total de 1,4 millóns de euros.
En concreto, adxudicouse a plataforma de vídeo-actas e retransmisión de plenos, que se porá en marcha en 36 concellos e que conta cun investimento de 559.000 euros. Ademais, subministraranse a todos os concellos participantes no programa equipos informáticos por 593.000 euros. Trátase de 546 computadores portátiles estándar con capacidade para o desenvolvemento das tarefas ofimáticas máis habituais, para os que se destinan 492.000 euros, e 93 equipos avanzados, que teñen maiores capacidades para que persoal técnico poida desenvolver traballos que requiran prestacións superiores, dotación que se adxudica por pouco máis de 100.000 euros.
Por outra banda, destinaranse 187.500 euros a incorporar aos equipos de almacenamento xa existentes nos Centros de Procesado de Datos (CPD) dunha nova infraestrutura de alta capacidade e rendemento para acoller as novas ferramentas que se porán en marcha ao abeiro deste programa, como a mencionada plataforma de vídeo-actas.
Por último, algo máis de 55.000 euros serán para a plataforma de comunicación e xestión de incidencias que “posibilitará unha relación bidireccional entre a cidadanía e os 32 concellos que a solicitaron e que permitirá a participación cidadá, así como a difusión de información e a xestión de incidencias”, explicou o presidente provincial.

PUBLICIDADE