A Deputación de Pontevedra amosa en Cangas a capacidade dixitalizadora de SmartPEME

mércores, 30 de novembro do 2016 Redacción

A Deputación de Pontevedra segue adiante coa súa rolda itinerante de presentacións de SmartPEME, o programa de actividades formativas da entidade provincial directamente encamiñadas a capacitar, coa axuda de seis sedes SmartPEME e os concellos, a empresas e profesionais da provincia en materia TIC. A máis recente presentación celebrouse este martes en Cangas. No acto participaron o deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, e empresarios e autónomos locais. A xornada tivo lugar no salón de plenos da casa consistorial da vila e tamén contou coa asistencia do seu alcalde, Xosé Manuel Pazos Varela.
Segundo fixo saber Dios, o proxecto SmartPEME é “un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pequenas e medianas empresas e persoas emprendedoras e autónomas e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas”. O programa, engadiu, abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os e as emprendedoras, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos, “todo iso empregando as Tecnoloxías da Información e da Comunicación, as TIC”.
Javier Dios asegurou que "SmartPEME está pensado como un servizo que engloba a todos os axentes implicados no emprego porque é algo que nos atangue a todos e a todas”. E engadiu: “Quen estamos unidos e unidas polo noso firme compromiso polo benestar da cidadanía debemos involucrarnos en conxunto e crear sinerxías”.
Tamén fixo saber que entre os beneficios que pon en xogo o programa atópase “a incorporación dunha estratexia personalizada para cada caso individual, ademais da especialización de cada unha das oficinas segundo os sectores máis implantados no tecido empresarial de cada territorio”.
Nas oficinas de SmartPEME instaladas en Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo estanse pondo en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores e asesoras en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pequenas e medianas empresas e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

PUBLICIDADE