A Deputación de Pontevedra impulsou a Volta Ciclista cunha web participativa

venres, 14 de setembro do 2012 Redacción

A Deputación de Pontevedra, en colaboración coa empresa Unipublic, puxo en marcha unha iniciativa dirixida a potenciar o espírito da Volta Ciclista a España baixo o nome de Únete á volta, encamiñada a achegar aos seareiros do ciclismo a posibilidade de vivir a experiencia da dita proba deportiva promovendo un amplo conxunto de accións ao paso da caravana ciclista pola provincia. Ao mesmo tempo, buscábase promover o contorno de Pontevedra mediante a organización de rutas cicloturísticas. Para a difusión desta iniciativa desenvolveuse unha web, uneteavolta.depo.es, na que, a través dunha interfaz amigábel, presentáronse os eventos ofrecidos polos concellos pontevedreses.
Estes contidos organizáronse para facilitar a consulta sobre cada unha das actividades xunto coa posibilidade de participar en diferentes sorteos.
O portal estruturou a información da seguinte maneira:
· Os eventos. Organizados para facer o máis doado posible o acceso á información, a través dun calendario ou un mapa interactivo que achega a posibilidade de localizar facilmente os concellos da provincia e consultar cadanseu evento. Estes artelláronse de maneira que se puideron consultar os pasados ou os pendentes por desenvolver. A maiores, a web ofreceu a posibilidade de divulgar a opinión dos participantes relacionada coas actividades, permitindo compartir a experiencia a través de imaxes. Con esta funcionalidade, a web converteuse “nun espazo non só informativo xa que fomenta a participación do usuario”, sinala a Deputación.
· A galería de imaxes. Permitiu coñecer tódalas accións relacionadas con Únete á volta de xeito gráfico.
· Dende o punto de vista do deporte, pretendeuse ofrecer información relacionada coa Volta Ciclista a España, salientando as etapas que transcorreron pola provincia e as diferentes accións e concursos relacionados. Para isto, defínese unha sección dedicada só á Volta a España.
· Mediante a sección de novas informouse en detalle de tódolos acontecementos da experiencia Únete á volta.
· O directorio de clubs achega información relacionada co mundo do ciclismo da provincia de Pontevedra.
· O portal incluíu ligazóns coas canles Únete á volta habilitadas nas redes sociais Facebook e Twitter.
Amancio Varela, xefe do servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra, destaca que “…esta web procurou o obxectivo duplo de promover o paso da Volta pola provincia e ao mesmo tempo impulsar o deporte da bicicleta achegando a todo o público, sen reparar na súa idade, a posibilidade de gozar dos eventos ofrecidos polos concellos da provincia”.

PUBLICIDADE