A Deputación de Ourense pon a debate as novas formas de comunicación na política

xoves, 31 de maio do 2018 Redacción

A profesión política xa non pode ficar á marxe das novas ferramentas de comunicación. Non se trata só de que a cidadanía as use cada vez máis no seu día a día, senón que con elas ábrense camiños de participación, colaboración e transparencia que antes, coa comunicación tradicional entre representantes públicos e cidadanía, nin se daban nin se esixían. Poden as ferramentas dixitais garantir un mellor exercicio do labor político? Sen dúbida si. Esta é é unha das bases da sétima Xornada sobre as deputacións do futuro, co-organizadas pola Deputación de Ourense. A cita é este 1 de xuño, no Centro Cultural Marcos Valcárcel.
O obxectivo xeral, en palabras da entidade provincial, é “analizar iniciativas de innovación aplicadas á xestión dos gobernos locais e provinciais”. O evento será inaugurado polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o xerente da fundación Democracia e Goberno Local, José Luis Moreno Torres, entidade co-organizadora da xornada, coa que se queren achegar recursos e coñecementos de valor para cargos electos, representantes institucionais, técnicos das administracións locais e provinciais e persoas interesadas nesta temática.
A xornada, no que se refire ao plano máis innovador e tecnolóxico, incluirá relatorios sobre A importancia de construír unha mensaxe eficaz (a cargo da catedrática de Lingua Española da Universidade de Barcelona, Estrella Motolio) ou sobre As novas formas de comunicación a través das redes sociais (a cargo de Fran Carrillo, director xeral da consultora de comunicación La Fábrica de Discursos).
A finalidade do evento, segundo afirma Manuel Baltar “é seguir mellorando, revisando e poñendo en marcha solucións sobre arquitectura, competencias, xestión, financiamento e comunicación das administracións públicas, unha iniciativa que puxemos en marchas desde Ourense para que sexa un punto de encontro da actualidade da administración local e provincial, co obxectivo de analizar modelos que permitan aumentar a eficacia na xestión dos entes administrativos”.

PUBLICIDADE