A Deputación de Ourense ofrece formación en emprendemento a través das tecnoloxías maker

venres, 11 de febreiro do 2022 S. P.

A Deputación de Ourense ofrece formación en emprendemento mediante as tecnoloxías argalleiras e creativas. Faino no marco do proxecto Emprende Makers, co-financiado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O obxectivo desta proposta formativa é “mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas, optimizando as condicións necesarias e propicias para a aparición de novas iniciativas empresariais”.
En palabras da Deputación búscase “facilitará a creación e desenvolvemento dunha rede de emprendemento baseada nos centros de fabricación dixital e prototipado da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (GNP) que actuará como un espazo común de innovación tecnolóxica e creativa”. Nesta rede as persoas interesadas no seu uso (especialmente persoas novas) poderán acceder a un espazo e a unhas ferramentas que lles axuden a converter en realidade a súa idea de proxecto: desde a concepción, prototipado e testeo con adaptación ás necesidades do mercado até a súa posterior aceleración e lanzamento.
Esta formación
As accións formativas realizaranse en modalidade b-learning, combinando a formación presencial (en sedes da provincia de Ourense) e online, as cales estarán dispoñíbeis nunha plataforma colaborativa de aprendizaxe.
Esta formación gratuíta comezará o próximo 15 de febreiro, e a inscrición pode facerse a través da web Norformación.es.

PUBLICIDADE