A Deputación de Ourense e a CEO permitirán ás empresas mostrarse en feiras virtuais

xoves, 27 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

A Deputación de Ourense e a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) veñen de unir forzas para tirar abaixo barreiras reais e virtuais entre as empresas provinciais, por unha banda, e o mundo, pola outra. Para isto, puxeron en marcha unha nova ferramenta (ao abeiro do programa ExportOU) que consiste nunha solución tecnolóxica con capacidade para que os negocios locais melloren a súa presenza comercial internacional e capten clientes e distribuidores doutos países “de maneira sinxela e accesíbel”. A ferramenta Sistema de Feiras Comerciais Virtuais foi dada a coñecer onte na sede da CEO.
No acto participaron o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o vicepresidente da CEO, Alejandro Cruz; e o profesor Jesús Albizu, asesor e especialista en deseño de programas relacionados coa internacionalización das empresas, co punto de mira nas PEME, e que desenvolveu programas para impulsar programas de exportación en 21 países de Europa, América, Asia e África.
Rosendo Fernández lembrou que en marzo a Deputación de Ourense e a CEO asinaron un convenio de colaboración para “desenvolver un plan de aceleración e reforzo intelixente para a internacionalización das empresas ourensás”, no marco da iniciativa ExportOU. Da formalización desa alianza, dixo, abrollou a ferramenta presentada onte, a oficina virtual de apoio á procura de novos mercados. “Con esta iniciativa”, engadiu, “fortalecemos o Programa ExportOU para beneficio das empresas de Ourense, nun mundo globalizado onde é difícil competir”.
Pola súa banda, o vicepresidente da CEO incidiu na “aposta decidida” da entidade pola internacionalización do empresariado da provincia, a través de programas de formación específica e a organización de misións comerciais inversas.
No acto, Jesús Albizu encargouse de debullar a metodoloxía da ferramenta, salientando que as feiras virtuais operan como “un reforzo á presenza internacional”, posibilitando que o encontro entre empresas interesadas en vender e os potenciais clientes “se produza a baixo custe nunha plataforma accesible en Internet”. O Sistema de Feiras Virtuais, que Albizu cualificou como “tren do futuro”, pon en xogo un extra importante de eficiencia e eficacia na exportación comercial: máximos resultados con mínimos recursos. Segundo dixo, o feito de que o encontro se poida producir dunha maneira virtual “permite multiplicar os esforzos comerciais sen o custe engadido das viaxes aos países de destino nos que se quere presentar o produto e captar empresas interesadas”.
O Sistema de Feiras Virtuais pon a disposición dos usuarios a posibilidade de enviar convites a potenciais clientes, axentes ou distribuidores, co fin de animalos a visitar unha feira virtual na que estean presentes as empresas interesadas, cada unha delas co stand de seu personalizado, no que mostrar polo miúdo súa oferta de produtos a través dun vídeo.

PUBLICIDADE