A Deputación de Ourense anuncia un portal para facilitar aos concellos o inventariado dos seus bens

luns, 12 de febreiro do 2018 Redacción

Tirar proveito das novas tecnoloxías para que todo os recursos cos que contan os nosos concellos estean centralizados, documentados e visualizados nun acubillo único, favorecendo o seu mantemento, a súa visualización e o traballo diario con eles. Este é o leit motiv dunha nova iniciativa dixital da Deputación de Ourense, que, co gallo de axudar ás administracións locais nos ditos traballos, vén de pór á súa disposición un portal web de xestión e publicación dos inventarios de bens municipais. A medida foi dada a coñecer polo deputado provincial Pablo Pérez, na xornada de presentación desta acción de colaboración cos concellos, celebrada no Centro Cultural Marcos Valcárcel e á que asistiron preto de 100 representantes e técnicos do ámbito local.
Segundo fixo saber, este portal web vai combinar os datos dos concellos cos que ofrece a Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL), un instrumento de análise dos servizos municipais que ten como obxectivo “coñecer a situación e o nivel dos servizos ofrecidos aos habitantes dos municipios, sendo a Deputación a encargada de realizar esta enquisa para os termos administrativos de menos de 50.000 habitantes”. Asemade, a entidade provincial anunciou que tamén porá técnicos a disposición dos concellos para que colaboren co persoal local no traballo de campo do inventario, cuxos datos serán expostos no portal web anunciado.
Por outra banda, Pablo Pérez engadiu que a plataforma porá en xogo “maior eficacia” e permitirá “un mellor aproveitamento da enquisa de infraestruturas locais”, así como a creación e xestión de inventarios que cubran as necesidades das administracións. O deputado lembrou que a día de hoxe a entidade provincial conta cun Xeo-portal no que se poden consultar os equipamentos existentes nos concellos da provincia de Ourense (a excepción da capital), tanto en materia de infraestruturas como no que atinxe ao abastecemento de auga, rede de estradas, recollida de lixo e iluminación pública, entre outros recursos.

PUBLICIDADE