A Deputación de Ourense amosa en Madrid o seu modelo de vídeo-acta

xoves, 3 de marzo do 2016 Redacción

Esta semana estase a celebrar en Madrid (sede da Fábrica de Moeda e Timebre) a sexta edición do Congreso de Innovación e Servizos Públicos (CNIS), unha actividade destinada a debater sobre as metodoloxías máis axeitadas para xestionar a transformación dixital das administracións, entre outros obxectivos. O evento, que se vén desenvolvendo dende 2011, está a contar con presenza galega. Máis polo miúdo a da Deputación de Ourense, cuxo vicesecretario xeral presentou este 2 de febreiro un relatorio sobre vídeo-actas municipais, tecnoloxía, legalidade e transparencia. Na súa intervención Marquina fixo referencia ao desafío e potencial das novas tecnoloxías para a comunicación nas administracións, aplicadas sobre todo no eido das sesións plenarias, comisións informativas e mesas de contratación, “coa finalidade de dispoñer á tecnoloxía a prol dunha maior proximidade e achegamento á cidadanía”.
O vicesecretario xeral, nun plano máis concreto, amosou o seu modelo de vídeo-acta, sistema de xestión documental que permite a elaboración das actas dos plenos no menor tempo posíbel. “A solución”, sinalou, “baséase na integración vídeo e documentos electrónicos firmados dixitalmente mediante DNI electrónico". Segundo engadiu Marquina, o sistema "combina a gravación en vídeo dos plenos co documento electrónico que contén a orde do día da sesión, todo asinado de maneira electrónica co certificado dixital ou o eDNI do presidente e do secretario da entidade local, para dar fe legal do acto”. Asemade, no congreso falouse da xestión da transparencia que se leva a cabo coa canle-vídeo dispoñíbel na web da Deputación de Ourense, que permite a retransmisión en directo e por streaming das sesións e reunións doutros órganos colexiados, como Comisión Informativas e Mesas de Contratación.
O CNIS que se ven desenvolvendo dende o ano 2011 é en palabras da Deputación “un punto de encontro de ámbito estatal sobre Administración Electrónica, no que se reúnen os representantes das distintas Administracións Públicas, as principais empresas do sector e diversos expertos relacionados coa materia”. Nesta sexta edición debátese sinaladamente sobre todo o que está a afectar hoxe en día ás institucións obrigándoas a xestionar a súa transformación a partir das novas capacidades tecnolóxicas, ao servizo das persoas: cidadáns, empresas e as propias administracións.

PUBLICIDADE