A Deputación de Lugo xerou empregos TIC nos concellos do rural

mércores, 18 de xullo do 2018 Redacción

A Deputación de Lugo fixo reconto hoxe dos postos de traballo xerados na provincia a través do programa Depuemprego, o plan de impulso laboral da entidade. Segundo fixo saber a deputada de Promoción Económica e Social Sonsoles López Izquierdo, a cifra de traballos creados foi de 308, e o número de Concellos beneficiados resultou ser de 63. Unha parte das novas ocupacións tivo relación directa coas novas tecnoloxías, a xeración de contidos ou a dinamización vía dixital, por exemplo: informáticos, técnicos en informática, operadores de cámara ou técnicos en turismo, entre outros.
Segundo lembrou a deputada, o programa destinouse a administracións locais de municipios de menos de 20.000 habitantes e está dotado con 3,5 millóns de euros. Con este orzamento fináncianse os custos laborais de novos traballadores que reforcen os servizos públicos municipais. Uns servizos, por outra banda, que as pequenas entidades locais teñen que ofrecer á cidadanía.
López Izquierdo salientou que nos últimos tres anos investíronse dende o Executivo provincial, a través desta programación, 6,6 millóns de euros. Con eles, engadiu, “xeráronse 523 novos empregos”, unha cifra que engadida ás cifras presentadas hoxe guinda un investimento superior aos 10 millóns de euros e aos 831 postos de traballo dirixidos a fortalecer e ampliar as prestacións municipais no rural.

PUBLICIDADE