A Deputación de Lugo sinala as novas tecnoloxías como ferramentas primordiais para saírmos da crise

xoves, 17 de setembro do 2020 S. P.

A Deputación de Lugo vai fortalecer a súa capacidade para captar e xestionar fondos europeos. O obxectivo é que estes recursos cheguen aos concellos máis pequenos e reforcen, entre outras cousas, a súa transformación tecnolóxica e melloren os servizos que ofrecen á cidadanía. Así o fixo saber este xoves o presidente da entidade provincial, José Tomé, quen participou na conferencia de alcaldes e presidentes provinciais que organizou o Eixo Atlántico no Teatro Principal de Pontevedra co gallo de afondar nas metodoloxías máis acaídas para recuperarnos económica e socialmente.
José Tomé compartiu co resto de autoridades e expertos as liñas estratéxicas de actuación que propón para financiar cos fondos europeos de reconstrución, baseadas nunha recuperación transversal que aposte polo equilibrio do territorio. Entre estas medidas inclúese o desenvolvemento dun plan de reactivación de emprego e da actividade económica (moi orientado ás pemes e aos autónomos e á industria), un programa de cobertura dixital a través de infraestruturas tecnolóxicas avanzadas (que porá o foco no medio rural en combater as zonas de sombra existentes na actualidade, co “obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades, reducir a fenda dixital e facilitar a todas as persoas o dereito universal de acceso a Internet”, subliñou Tomé Roca) e un plan para promover o territorio a través do turismo innovador (apostando polo turismo de calidade, sustentábel no tempo e vinculado á paisaxe, á gastronomía e á cultura).

PUBLICIDADE