A Deputación de Lugo proxecta a Reserva da Biosfera Terras do Miño nun encontro dixital

venres, 2 de xullo do 2021 S. P.

Este venres 2 de xullo inaugurouse o encontro dixital Somos Biosfera - Terras de Miño, organizado polo CEIDA e a Deputación de Lugo para visualizar o incalculábel valor medio ambiental deste territorio e pór sobre a mesa diferentes propostas innovadoras e tecnolóxicas de colaboración para incidir no seu desenvolvemento sustentábel. Participou a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, que recoñeceu o compromiso da entidade co medio ambiente, que “busca poñer en equilibrio o respecto á natureza e o desenvolvemento social e económico do territorio e das persoas”.
Esta cita foi posta en marcha polas Reservas da Biosfera de Galicia e organizado polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) coa colaboración da Deputación.
“Non ten sentido contrapoñer progreso e conservación; o que debemos facer é converter os programas de conservación da natureza en fonte de progreso, de emprego no rural, de turismo sustentábel, de conservación de costumes tradicionais e de fixación de poboación no territorio”, destacou García Porto.
Durante unha xornada, os corenta asistentes formáronse acerca da xestión deste territorio coa técnico do servizo provincial de Medio Ambiente Andrea Macho Benito, e puideron coñecer as oportunidades de certificacións con Alberto Rojo Alboreca, técnico do Órgano Reitor da Reserva da Biosfera, e o xestor de proxectos de FSC-España, Marcos Estévez Malvar, xestor de Proxectos de FSC-España. Tamén descubriron os recursos deste territorio co guía oficial de Turismo Guido Álvarez Parga.
Estas xornadas continuarán o vindeiro venres 9 de xullo cunha formación online vinculada á Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, tamén xestionada pola Deputación de Lugo.

PUBLICIDADE