A Deputación de Lugo presenta o proxecto Goberno Intelixente

luns, 3 de febreiro do 2014 Redacción

A Deputación de Lugo vén de dar un paso importante no que a afianzamento da eAdministración, con tódalas ramificacións que esta implica: participación da cidadanía, axilización de trámites, redución de fenda dixital e transparencia, entre outras pólas da mesma árbore. A iniciativa en cuestión foi dada a coñecer o venres pasada, trala aprobación por parte do órgano provincial da contratación dun proxecto que a entidade cualificou de pioneiro en España. Trátase, máis polo miúdo, do proxecto Goberno Intelixente, “que permitirá a creación dun portal dixital no que estarán presentes tanto a Deputación como todos os Concellos da provincia que se queiran adherir, agás o de Lugo, e no que estas entidades locais poderán envorcar toda a información de interese que xeren”.
Estes datos incluíran cuestións institucionais básicas (cargos electos e o seu patrimonio, competencias, normativa e lexislación ou actividade dos plenos, etc); de tipo contábel, orzamentario e financeiro (orzamentos e grao de execución, tempo medio de pago a provedores, subvención, bolsas e axudas, ordenanzas fiscais, etc); relativas á contratación (concursos públicos, resolucións, lexislación ou convenios) e relativas ao urbanismo e á ordenación do territorio (plans urbanísticos, información xeográfica, enquisa de infraestruturas).
A iniciativa Goberno Intelixente estará co-financiada nun 80% por fondos europeos procedentes do FEDER a través do programa Innova-TE2. Segundo explica a Deputación, terá capacidade de seu para “ofrece a veciños, empresas e outras administracións toda a devandita información dun xeito rápido e sinxelo, o que fará deste portal web unha ferramenta fundamental no proceso de transformación do modelo institucional, organizativo e de xestión actual noutro no que a transparencia, o acceso á información pública e ás normas de bo goberno rexan definitivamente as relacións entre as administracións lucenses e os cidadáns”.

PUBLICIDADE