A Deputación de Lugo presenta en Monforte as súas iniciativas de fomento TIC para as PEME e para os maiores

venres, 30 de xaneiro do 2015 Redacción

A Deputación de Lugo presentou este xoves no centro de asesoramento tecnolóxico que abriu en Monforte de Lemos o seu servizo gratuíto de apoio e formación individualizada. Na posta en longo do servizo, os responsábeis do órgano provincial sinalaron que se trata dunha achega especialmente deseñada para PEME e autónomos, que é cen por cen de balde e que foi programada para fomentar a incorporación e uso de ferramentas tecnolóxicas no tecido empresarial. No acto participaron a deputada de Economía, Pilar García Porto, e o director de Fondos Europeos e Novas Tecnoloxías, Pablo Rivera Capón.
García e Rivera lembraron as vantaxes das novas tecnoloxías para o ámbito produtivo (melloras na competitividade e no funcionamento das empresas) e convidaron aos asistentes a participar nas actividades formativas e divulgativas que porá a Deputación á súa disposición no centro de asesoramento tecnolóxico monfortino para amosarlles novas ferramentas TIC. Tamén informaron que a Deputación desenvolverá tres aplicacións móbiles para potenciar os sectores estratéxicos da provincia: agroalimentario, turístico e forestal. As empresas que queiran beneficiarse ou coñecer máis sobre esta iniciativa, cofinanciada ao 80% por fondos europeos, poden facelo no teléfono 982-225-186, ou ben achegándose ao centro de asesoramento de Monforte, situado na rúa Escultor Francisco Moure, 17.
A maiores, a Deputación informou doutra actividade na que participou esta semana en Monforte, máis polo miúdo no seu Centro do Viño. Tratouse da xornada informativa Viños e TIC, convocada co obxectivo de afondar nas oportunidades que ofrecen as TIC ao sector vitivinícola. O deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Álvaro Santos, acompañado do director de Fondos Europeos e Novas Tecnoloxías, foi o encargado de abrir a xornada, enmarcada dentro do plan Innova-TE2, cofinanciado por fondos europeos. Santos salientou que “as novas tecnoloxías fornecen un plus engadido ao sector” e destacou a a creación da plataforma de comercio electrónico losproductosdelugo.com, o selo LugoSabe ou o plan Dinamízate.
Por último, García Porto e Rivera Capón tamén tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o centro de maiores monfortino Geriatros, no que se está a desenvolver o programa Memoria Dixital Tic-Tac, un programa da Fundación TIC dirixido a crear un rexistro audiovisual de parte da historia da provincia a través das testemuñas dos participantes nesta iniciativa. Memoria Dixital Tic-Tac abrangue nove obradoiros, que se desenvolverán ata o 28 de febreiro en todas as comarcas da provincia.

PUBLICIDADE