A Deputación de Lugo licita o primeiro lote de tecnoloxías para os 52 concellos adheridos a Impulsa TIC

venres, 29 de decembro do 2023 S. P.

A xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres 29 de decembro a licitación, por un importe de preto de 2,2 millóns de euros, do subministro do primeiro lote de equipamentos e servizos tecnolóxicos que, unha vez adquiridos, a institución provincial proporcionará de maneira gratuíta aos 52 concellos da provincia que decidiron adherirse ao programa Impulsa TIC.
Trátase, en termos da voceira do Goberno, Pilar García Porto, dun proxecto posto en marcha pola institución provincial “grazas aos fondos que conseguimos da UE, e que ten como obxectivo colaborar cos concellos para avanzar na súa transformación dixital e ofrecer un mellor servizo aos veciños e veciñas”.
En concreto, o material licitado servirá para mellorar a eficiencia dos servizos básicos da Administración Electrónica e favorecer as sinerxías e a colaboración entre entidades; a creación de oficinas municipais de prestación de servizos electrónicos aos cidadáns; a integración dos sistemas de tramitación municipais cos sistemas de padrón e contábel; e a implantación dun sistema de automatización e dixitalización dos plenos municipais.
“Nas vindeiras semanas aprobaremos a licitación de material por outros 2,3 millóns de euros, co que completaremos o investimento de 4,5 millóns de euros co que está dotado en total o programa Impulsa TIC”, explicou García Porto, quen engadiu que, unha vez licitados e adxudicados todos os equipos e servizos, a Deputación procederá á súa distribución entre os 52 concellos que decidiron sumarse a este proxecto.
A deputada lembrou que “todo o material atende á realidade e ás necesidades” que os propios concellos lle trasladaron á institución provincial, e que se seguiron criterios obxectivos para a súa distribución, dun xeito semellante ao Plan Deputación.

PUBLICIDADE