A Deputación de Lugo introdúcenos en diferentes ferramentas para afondar no coñecemento do medio

martes, 27 de xuño do 2017 Redacción

A Deputación de Lugo presentou este luns a súa nova programación de actividades ligadas ao medio natural (accións de limpeza, deportivas, de horticultura, de reciclaxe, de coñecemento da natureza a través das TIC, etc). Segundo fixo saber o deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, trátase dunha longa listaxe de accións de balde (un total de 30) nas que poderán participar máis de 700 persoas de todas as idades. Para participar neste programa de iniciativas (as novas actividades do terceiro trimestre dos centros de interpretación Terras do Miño e Casa das Insuas, así como dos Ancares Lucenses), teremos que inscribirnos na web da Deputación, deputacionlugo.gal ou ben chamar ao 982 22 78 12.
Fernández Queipo salientou que “a través desta nova programación buscamos fomentar entre a cidadanía valores relacionados coa conservación e mantemento do medio ambiente, ao mesmo tempo que damos a coñecer o entorno natural que nos rodea, co fin de aprender a respectalo e coidalo”. Neste senso, o Deputado explicou que o Goberno continuará ofrecendo este tipo de actividades pois “cada ano son máis os lucenses que participan neste tipo de actividades, o que nos anima a seguir ofrecendo máis e mellores programacións”.
Entre as iniciativas previstas inclúese en setembro (o día 9, na Casa das Insuas de Rábade) un obradoiro Ferramentas cartográficas dixitais para naturalistas, en horario de 10:00 a 14:00 horas. Asemade, días antes (o 8 de xullo), organizarase un curso sobre radioseguimento de fauna, ou sexa, sobre as técnicas empregadas a día de hoxe, combinadas xeralmente co GPS e os Sistemas de Información Xeográfica (SIX), para avanzarmos no coñecemento de todo tipo de especies (estas tecnoloxías permiten coñecer a distribución de paxaros ou mamíferos, a súa mobilidade ou os métodos a seguir para procurar áreas de alimentación, entre outras cousas).

PUBLICIDADE