A Deputación de Lugo incrementa os seus cursos TIC para maiores

xoves, 15 de setembro do 2016 Redacción

A Deputación de Lugo confirmou esta semana que segue adiante, ampliada, a súa liña de traballo a prol de favorecer hábitos saudábeis entre os maiores da provincia. Hábitos, moitos deles, directamente relacionados co uso das novas tecnoloxías e os novos dispositivos. Esta nova liña de traballo a prol do envellecemento activo botando man das ferramentas dixitais foi presentada este mércores polo presidente da Fundación TIC e da Deputación, Darío Campos, que achegou detalles sobre o programa de actividades da iniciativa social InLugo no último trimestre de 2016, “que inclúe máis cursos, varias novidades e máis presenza na provincia e na rúa”.
Campos, que estivo acompañado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou que “hoxe mesmo ábrese o prazo para inscribirse nos 29 cursos gratuítos que se impartirán na sede do InLugo, cinco máis que no trimestre anterior, cun total de 393 prazas”. Ao fío do devandito, salientou “a alta demanda que teñen estas actividades formativas sobre o emprego de novas tecnoloxías e lembrou que “na anterior tempada, cubríronse todas as prazas o mesmo día da apertura de prazo”.
Segundo fixo saber, a nova tempada na sede de InLugo fará “especial fincapé” nos cursos e obradoiros relacionados co uso do móbil e a fotografía, “os máis demandados”, incluíndo dous obradoiros novos: Facemos vídeo con fotografía e Taller de retoque fotográfico. O prazo de inscrición ábrese este mércores, 14 de setembro. Os interesados poden apuntarse a través de www.fundaciontic.org e www.deputacionlugo.gal ou no teléfono 982 225 186.
No acto de presentación celebrado este mércores tamén se fixo saber que, “con motivo da celebración o 16 de outubro do Día Mundial da Alimentación”, o InLugo organizará até finais de ano 15 talleres distribuídos en todas as comarcas da provincia, e dúas conferencias maxistrais sobre a importancia de mellorar as prácticas alimentarias a través das novas tecnoloxías da información. Segundo fixo saber Campos a conto destas actividades en concreto, “o obxectivo de Alimentatic é amosar aos nosos maiores a coidar da súa saúde cunha dieta saudábel empregando as novas tecnoloxías”. Ademais de participar nestes obradoiros, nos que haberá postos con alimentos beneficiosos para os asistentes, “os maiores terán a súa disposición unha guía de alimentación en formato dixital co deseño, por exemplo, dun menú semanal saudábel ou con consellos para comer ben a prezos económicos”, engadiu.
O presidente provincial tamén avanzou que neste trimestre o InLugo desenvolverá varias xornadas monográficas, como as dedicadas ao Nadal ou ao Día do Maior, e que sairá á rúa con diversas actividades para achegar á sociedade o traballo que desenvolve. Unha das máis próximas será no San Froilán, “un escaparate excelente para que todos os lucenses e visitantes que veñen ás festas patronais de Lugo nos coñezan de primeira man, neste caso concreto, cun obradoiro de fotografía”, explicou.
Todas estas actuacións desenvólvense no marco do programa de Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores da Provincia, que xestiona a Fundación TIC a través dunha encomenda da Deputación de Lugo.

PUBLICIDADE