A Deputación de Lugo impulsará o coñecemento en 3D das montañas do Courel

luns, 28 de outubro do 2019 Redacción

A Deputación de Lugo vén de asinar dous convenios de colaboración coa Asociación para a Promoción Territorial das Montañas do Courel, con vistas a impulsar actividades de reivindiquen e divulguen esta contorna de gran valor paisaxístico, medioambiental e turístico. As actuacións comprenden iniciativas propias da investigación científica e outras cun marcado carácter tecnolóxico-dixital. En termos máis concretos, porase en marcha un mapa cartográfico e un Sistema de Información Xeográfica e en 3D das formacións xeolóxicas das montañas. Tamén se promoverán e divulgarán os valores do Courel en xornadas e foros turísticos.
Estas e outras actuacións foron dadas a coñecer polo presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o representante da Asociación para a Promoción Territorial Montañas do Courel, Roberto Castro González. Segundo lembraron, o Xeoparque Mundial do Courel acadou este ano (co apoio da entidade provincial), o recoñecemento da UNESCO e é, ademais, o primeiro xeoparque mundial do noroeste de España (unha rede mundial de 141 xeoparques en todo o mundo).
Coa fin de difundir a riqueza natural deste espazo, a Deputación achega un total de 50.000 euros para “diversas actuacións de investigación, posta en valor e promoción das Montañas do Courel”.

PUBLICIDADE