A Deputación de Lugo formará aos desempregados novos en vendas en liña

venres, 2 de xuño do 2017 Redacción

A Deputación de Lugo vén de anunciar a posta en marcha de novas achegas ao abeiro do seu programa LugoWork. Máis polo miúdo, trátase de 3 novos cursos destinados a incrementar a formación e as posibilidades de inserción laboral de 45 mozas e mozos. A inclusión destas tres novas actividades forma parte do plan de emprego xuvenil e participativo posto en marcha pola entidade provincial, cun orzamento de dous millóns de euros captados da Unión Europea a través da EOI. Un dos tres novos cursos diríxese a capacitar aos participantes en materia de vendas en liña e atención ao público. Os outros dous céntranse en mantemento de aeronaves e máis en emprendemento.
Segundo indica a Deputación, quen concorra nestas tres accións formativas terá a posibilidade de ser contratado en empresas da provincia durante medio ano. Con este fin, o Goberno provincial abrirá unha convocatoria pública, dirixida ás empresas lucenses, ofrecéndolles axudas de 4.200 euros para a contratación dos mozos que “conclúan con éxito esta formación”. Despois da consulta ás propias empresas, engade a Deputación, “os traballadores sairán cun perfil formativo que tenta cubrir as necesidades demandadas polos empresarios da provincia”.
Os interesados en participar nestes 3 cursos, deberán estar inscritos no Rexistro de Garantía Xuvenil. Poden facer a súa solicitude ata o 15 de xuño, incluído, en www.deputacionlugo.gal ou en www.eoi.es.
A primeira nova achega é o Curso de auxiliar de vendas online e offline e atención ao público. Nesta acción formativa, que conta con 15 prazas, os alumnos recibirán contidos dirixidos a habilidades sociais e de comunicación, ofimática e técnicas administrativas básicas e coñecementos sobre ventas dixitais e ventas tradicionais.
Outro dos cursos que se achega é sobre mantemento de aeronaves. Nel, familiarizarase aos participantes no mantemento de vehículos aéreos, mediante formación teórico-práctica impartida por profesionais do Aeroclub de Rozas. Participarán un total de 15 alumnos.
Por último, achégase tamén un Curso de Emprendemento, dirixido a 15 persoas que teñan unha idea de negocio e queiran montar unha empresa. Nun plano máis detallado, informa a Deputación, “os participantes terán un titor asignado que os asesorará en aspectos como os modelos de negocio ou as estratexias de vendas, entre outras cuestións”. Esta liña do LugoWork inclúe formación e axudas de 3.000 euros para que os participantes poñan en marcha os seus propios establecementos, favorecendo o emprendemento.
Informar tamén de que na actualidade, a maiores de todo o devandito, xa están en marcha 6 accións formativas, nas que participan outros 91 mozos.

PUBLICIDADE