A Deputación de Lugo e a CEL poñen na web unha guía para axudar a empresas e traballadores a protexerse da COVID

martes, 3 de novembro do 2020 S. P.

A Deputación de Lugo e a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) veñen de subir á páxina web da entidade empresarial unha guía práctica para axudar ás empresas e aos traballadores a afrontar e previr a pandemia e as súas consecuencias. A publicación (Guía Información Xeral para a COVID-19) foi dada a coñecer polo deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, xunto ao tesoureiro da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jorge Somoza, e o especialista en Medicina do Traballo, Santiago Díaz de Freijo.
Trátase dunha publicación elaborada pola CEL grazas á colaboración da institución provincial que recolle unha escolma de documentos técnicos que o Ministerio de Sanidade foi publicando ao longo do desenvolvemento da pandemia. Esta guía, explicou o deputado Pablo Rivera, “está pensada como unha ferramenta práctica para que os traballadores e traballadoras, e as empresas coñezan o virus e saiban como afrontalo e previlo”.
O coordinador da publicación, Santiago Díaz de Freijo, resaltou que a elaboración desta ferramenta iniciouse en maio co inicio da desescalada, tralo primeiro período de confinamento, “a fin de contar con información precisa para asesorar ás empresas, e que se actualizou neste mes de setembro en plena segunda vaga, dadas as novas evidencias e o avance no coñecemento sobre a enfermidade causada por este novo virus, así como nas técnicas para o seu diagnóstico precoz”.
A guía distribuirase en formato dixital de libre descarga a través da web da CEL. Así mesmo, a Deputación e a Confederación repartirana impresa aos asistentes das xornadas Protocolos de actuación en impacto da COVID-19 no ámbito empresarial, previstas para os días 11 de novembro, en Lugo; 18 de novembro, en Monforte de Lemos; e 2 de decembro, en Viveiro; en horario de 9.30 a 14.00 horas.

PUBLICIDADE