A Deputación de Lugo e AGESTIC apostan por unha formación TIC transversal e integral

mércores, 11 de maio do 2016 Redacción

A Deputación de Lugo segue adiante coas súas xuntanzas destinadas a definir as novas accións formativas do programa de emprego LugoWork, xuntanzas con entidades empresariais con presenza na provincia e con orixe en diferentes sectores e ámbitos de acción. Se os días pasados falamos dende Código Cero da reunión con AJE, onte foi a quenda da Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxías da Información a Comunicación, AGESTIC. A reunión dirixiuse, unha vez máis, a completar e o optimizar o dito programa formativo de emprego para a mocidade da provincia, co fin de conseguir (con axuda de plataformas como AGESTIC) que sexa o máis acaído posíbel para os intereses das e dos participantes.
Como lembraremos a programación vindeira de LugoWork está dotada con 2 millóns de euros, que o organismo provincial puido acadar de mans da Unión Europea a través da Escola de Organización Industrial. Ofrecerá a un mínimo de 300 mozos lucenses no paro formación sobre os nichos de emprego, que precisamente están a definir Deputación e sectores produtivos. Logo da formación, concederanse axudas económicas para a contratación dos rapaces en empresas da provincia ou para a apertura dos seus propios negocios.
Na xuntanza con AGESTIC, ademais de técnicos provinciais, participaron o presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o deputado de Participación Cidadá e Transparencia, Pablo Rivera Capón, que avanzou que a dita entidade empresarial demanda accións formativas concretas en aspectos como a seguridade de Internet e da información, a Internet das Cousas, o desenvolvemento web, a creación de contidos en liña ou a maquetación, entre outros eixes temáticos.
AGESTIC salientou tamén a transcendencia de apostar por “unha formación transversal dos profesionais das TIC”, co fin de procurar unha meirande alfabetización dixital na cidadanía e sensibilizar ao público en xeral da importancia das Tecnoloxías da Comunicación e Información, as TIC.
Rivera Capón coincidiu na “necesidade de implantar na sociedade estes novos coñecementos” e apostou por “elaborar actuacións por bloques temáticos que sexan de carácter eminentemente práctico, buscando empresas da provincia de Lugo nas que facer prácticas e onde poidan adquirir e reforzar coñecementos”.
O deputado destacou “o compromiso da Deputación co ámbito das novas tecnoloxías”, salientando o pulo que se lle dá dende o organismo provincial e tamén a actividade xerada a través da Fundación TIC. Cousas como por exemplo os obradoiros de InLugo, “cos que se ofrece formación en TIC para os máis maiores de toda a contorna provincial”.

PUBLICIDADE