A Deputación de Lugo convoca 1.340 persoas para acceder a Ben Empregado 4

mércores, 4 de abril do 2018 Redacción

A Deputación de Lugo inicia a semana vindeira as probas de selección de Ben Empregado 4, a nova edición do seu programa de impulso e inserción laboral, con frontes activas a ámbalas beiras do proceso (entre as persoas demandantes, por unha banda, e entre as empresas e entidades diversas con necesidades de profesionais, pola outra). Nas probas, que comezan o 9 de abril, participarán 1.340 lucenses no paro. Póñense en xogo 185 postos de traballo, unha parte importante dos cales son ocupacións ligadas directamente ás novas tecnoloxías da información. Estas 185 vacantes veñen da man doutras tantas empresas e colectivos sen arela de lucro de 37 concellos da provincia.
Segundo informa a Deputación, na web de seu (www.deputacionlugo.gal) están publicadas as listaxes de aspirantes seleccionados e excluídos, así como a data na que os candidatos deberán presentarse ás probas.
Dos 1.340 aspirantes a estes empregos, 1.157 concorren á liña A1, na que 127 empresas buscan outros tantos perfís de diversas profesións. O Goberno da Deputación financiará ao 50% os custes laborais dos traballadores durante un ano. Por outra banda, 264 aspirantes concorren á liña B1, dirixida a persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social. Neste caso, 19 empresas ofrecen 19 empregos. Neste punto e co fin de fortalecer obxectivos e a efectividade do programa, o Executivo provincial financiará ao 100% os custos salariais destes profesionais, “favorecendo a igualdade de oportunidades”.
Finalmente, serán 650 demandantes de emprego optan aos 39 postos de traballo da liña 2, que demandan 39 asociacións da provincia, que recibirán o 90% da axuda da Deputación.
O orzamento da Deputación para cubrir os custos laborais dos novos traballadores é de 2,4 millóns de euros (ao cen por cen no caso de contratos a persoas con capacidade diferentes, ás que están risco de exclusión social e ás que retomen a súa actividade laboral en colectivos socias; e nun 50% cando as contratacións sexan a desempregados lucenses en xeral). Os empregos a crear abranguerán todos os sectores, incluído o das novas tecnoloxías. De feito, impulsaranse novamente os comunity managers, os técnicos en informática, os programadores, os deseñadores gráficos, etc.

PUBLICIDADE