A Deputación de Lugo colabora na dixitalización do patrimonio oral do Museo do Pobo Galego

venres, 15 de decembro do 2017 Fernando Sarasketa

A Deputación de Lugo vai colaborar co Museo do Pobo Galego para dixitalizar os fondos culturais do seu Arquivo de Patrimonio Oral da Identidade. Así o fixeron saber onte a deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles Vázquez, a coordinadora do proxecto, Concha Losada, e o musicólogo Sergio de la Ossa. Xuntos deron a coñecer o devandito Arquivo (na sede da Deputación) e máis os seus principais obxectivos: achegar un acubillo integral e accesíbel de música tradicional galega, incluíndo gravacións de actuacións, festas, celebracións populares e outros documentos audiovisuais de gran interese cultural e etnográfico. A idea do Museo é que, ademais de ser unha gran base de datos con vontade preservadora, sexa didáctica, divulgadora e ilustradora dunha identidade concreta: a nosa.
Segundo se informou no acto, Sergio de la Ossa está a ser o encargado de realizar o proceso de dixitalización e catalogación de todo este material para que poida ser empregado e consultado en www.apoi-mpg.org. Tamén se sinalou que os arquivos da base de datos do APOI son cedidos polos autores que asinan os seus traballos, sendo publicamente recoñecidos e respectando o seus dereitos.
López Izquierdo salientou que a colaboración da entidade provincial co Museo inclúe unha contía de 16.000 euros e responde a un compromiso compartido a prol “do estudo e posta en valor dos recursos senlleiros do noso pobo”. Dentro desta liña, recordou que o Goberno da Deputación colabora a día de hoxe con ducias de asociacións culturais como a Fundación Uxio Novoneyra; Manuel María; Otero Pedrayo; Carlos Casares ou coa propia Real Academia Galega, “coa que vimos de asinar un convenio de 9.000 euros para a promoción do Galego”.
Catro décadas de andaina
O Museo do Pobo Galego foi creado en 1976, hai 40 anos, cos obxectivos de investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos; e concretamente crear e desenvolver un museo ao servizo destes obxectivos. As primeiras salas inauguráronse en 1977, no antigo convento de San Domingos de Bonaval, cedido polo Concello de Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE