A Deputación de Lugo certifica a súa aposta por levar as TIC á gandería

martes, 2 de abril do 2019 Redacción

Este martes inaugurouse unha xornada para axudar aos gandeiros e agricultores (e traballadores do sector primario en xeral) a integrar no seu quefacer diario as novas fórmulas de xestión, produción, comercialización e comunicación que permiten as novas tecnoloxías actuais. A cita arrincou coa presenza do presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, e do director do Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (CETAL), Javier Bueno Lema, que estiveron acompañados de Jesús Combarros, director de Abanca Agro. A xornada pon o foco nas tecnoloxías aplicadas ao ámbito da alimentación do gando.
Trátase dunha iniciativa que organiza o CETAL en colaboración coa Deputación, e que se desenvolve nas instalacións do Centro de Recría Gayoso Castro, en Ribeiras de Lea. Na inauguración, Campos Conde salientou o potencial de xeración económica e social do rural lucense, un potencial que está ser impulsado pola Deputación con iniciativas concretas como o Centro de Recría, que acolle hoxe en día máis de 700 animais de 50 explotacións lucenses e que se dirixe “a mellorar o sector lácteo, facelo máis competitivo e facilitar a vida dos profesionais do sector”. Tamén destacou os beneficios que porá en xogo a Granxa Experimental do Campus Terra, un proxecto “que deseñamos dende a Deputación en colaboración con Javier Bueno” e que será un centro de investigación sobre a produción leiteira ou a liña de recuperación de terras abandonadas, “coa que máis de 350 gandeiros da provincia recuperaron 1.900 hectáreas de terreos baldíos que hoxe están en produción”, explicou.
O presidente da Deputación tamén avogou por favorecer unha aposta integral polas TIC: “O impulso do tecido produtivo agrícola e gandeira pasa pola necesaria modernización das aplicacións, sistemas de xestión e a maquinaria agrícola, que permita avanzar ao sector, facelo máis competitivo e tamén, mellorar a calidade de vida dos produtores. Os novos programas informáticos e maquinaria que hoxe se presentan aquí van axudar a optimizar as producións agrícolas”.

PUBLICIDADE