A Deputación de Lugo bota man da impresión 3D para os seus obradoiros medioambientais

luns, 4 de marzo do 2019 Redacción

A Deputación de Lugo, a través das actividades medioambientais do río Rato, organiza estes días un novo obradoiro de balde sobre ciencia, entroido e medio ambiente. Trátase da segunda edición dunha actividade na que participan 20 persoas, dende hoxe até o 6 de maio, no Centro de Interpretación Terras do Miño. O taller inclúe experimentos prácticos (como xerar luz con bicis, como facer disfraces ecolóxicos, como almacenar enerxía) para introducir aos participantes no método científico de forma lúdica e nunha máis ampla conciencia medioambiental. A base técnica da actividade, que en última instancia fomenta hábitos de vida que respecten a natureza, é a impresión 3D.
O vicepresidente e deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, subliñou que “con este tipo de actividades de campo achegamos o mundo científico a todos os veciños lucenses dun xeito lúdico e atractivo”. Ademais, engadiu, “será un traballo de responsabilidade e de compromiso con medio ambiente, xa que os participantes achegaranse a distintas disciplinas científicas como a Química, Física, Bioloxía, Botánica, Biodiversidade, Xeoloxía ou a Vulcanoloxía”.
Amais de introducirse en temáticas concretas como a botánica do Courel ou a biodiversidade nas Terras do Miño, os participantes elaborarán disfraces para o entroido cunha impresora 3D, mediante o método das 3 erres da ecoloxía: reducir, reutilizar e reciclar). Con isto preténdese mostrar como reducir o volume de refugallos ou de lixo xerado.
De forma paralela, os asistentes terán a oportunidade de xerar enerxía eléctrica cunha bicicleta, para que persoas que non teñen acceso á electricidade ou sofren cortes periódicos por temporais, poidan gozar dela dunha maneira sustentábel. Neste experimento amosarase como almacenar a electricidade e alimentar aparellos que decote enchúfanse á rede, mediante o subministro de corrente a un xerador co movemento da roda traseira da bicicleta, para acender unha lámpada ou cargar o teléfono.
Os asistentes ao obradoiro fabricarán tamén neve para simular un temporal que provoque cortes na subministración eléctrica e problemas na rede viaria da montaña lucense. Para o experimento, disporán dun robot que programarán como máquina quita neves. Algunhas das pezas necesarias para o proxecto fabricaranas na aula coa axuda dunha impresora 3D.

PUBLICIDADE