A Deputación de Lugo activa unha app que nos permite saber até onde podemos chegar nos nosos desprazamentos

luns, 4 de maio do 2020 S. P.

A Deputación de Lugo activou a aplicación móbil Mide a túa saída para facilitar as dúbidas da cidadanía en materia de desprazamentos durante a actual fase de desescalada. A ferramenta, en palabras da entidade provincial “moi doada de usar”, permite ás veciñas e veciños pescudar cal é o límite exacto até o que poden chegar dende os seus domicilios ao tempo que cumpren coas normas fixadas polas autoridades para saír cos nenos, dar paseos ou desprazarse a hortas de autoconsumo. Trátase dunha aplicación de balde e empregábel en todos os dispositivos electrónico, aínda que se recomenda o seu uso en móbiles ou tabletas para “consultar en tempo real se estamos próximos ao límite do noso itinerario”. A ferramenta ten web de seu ao abeiro da páxina da Deputación de Lugo.
O funcionamento deste servizo é simple e comeza cando o usuario activa a funcionalidade de localización GPS no dispositivo ao tempo que lle dá permiso á propia ferramenta para acceder a esta información. Mide a túa saída é quen de calcular o perímetro, quedando rexistrada a posición inicial do usuario como punto de referencia, que debe ser o lugar no que se reside. A partir de aí, amosa un mapa que sinala cunha cor vermella o radio de 1 quilómetro ou de 5 quilómetros, en función da actividade que se desexe desenvolver, saír cos nenos, dar un paseo ou desprazarse ás hortas de autoconsumo.
O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, do que depende o servizo de Novas Tecnoloxías, que desenvolveu a aplicación, explica que “o que se pretende é facilitarlle á xente o proceso da desescalada e que poida saber a golpe de clic ata que punto máximo se pode mover ”. Ademais, Rivera subliña que “grazas á tecnoloxía de xeoposicionamento dos teléfonos intelixentes é moi doado dar este tipo de información que resulta realmente moi útil para todas as persoas”.
Mide a túa saída permite ao usuario mudar o punto de referencia inicial marcando a opción Nova saída. Así, calcula de novo un perímetro en base ao emprazamento no que se atopa. A ferramenta atópase en constante actualización, seguindo as directrices de desescalada que fixen as autoridades competentes.

PUBLICIDADE