A Deputación de Lugo achegou 300.000 euros aos concellos para impulsar a súa dixitalización

martes, 27 de decembro do 2016 Redacción

A Deputación de Lugo vén de facer reconto da súa actividade en materia de dotacións orzamentarias aos concellos ao longo de 2016, ao tempo que avanzou as liñas a seguir no ano entrante. As cifras foron dadas a coñecer pola deputada de Economía e Facenda, Mayra García Bermúdez, durante o plano provincial deste martes. Sinalou que a entidade provincial desenvolveu 8 programacións, que responden aos obxectivos de fomentar o emprego, os servizos sociais e as infraestruturas no rural “para garantir a igualdade de oportunidades na provincia”, aos Concellos, por un valor superior os 10 millóns de euros. Esta contía, sinalou, foi distribuída “en base a criterios totalmente obxectivos”. Respecto de 2017, o roteiro será moi semellante, só que se partirá dun investimento mínimo de 12 millóns. En materia TIC, a contía destinada aos concellos en 2016 foi de 300.000 euros.
Esta cantidade de 300.000 euros, sinalou a deputada, distribuíuse atendendo á superficie, poboación, esforzo fiscal e ás unidades de poboación de cada municipio. “Con estes fondos”, explicou, “o Goberno da Deputación financia as melloras que os Concellos teñen a obriga de levar a cabo nas súas ferramentas tecnolóxicas debido á entrada en vigor da Lei do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas e a do Réxime Xurídico do Sector Público”. En liñas xerais, o esforzo feito puxo o foco en materia de Administración Electrónica e na dixitalización do día a día dos consistorios en relación coa cidadanía.
No que atinxe ao Plan de aforro enerxético da Deputación, a contía foi de 1,5 millóns de euros. Este distribuíronse en base á superficie, poboación, núcleos poboacionais e esforzo fiscal de cada concello. Supuxo axudas de entre 16.000 e 46.000 euros nos municipios. Con este orzamento, o Goberno da Deputación financia 61 melloras en alumeados públicos, 30 instalacións de caldeiras da biomasa e 9 illamentos térmicos en instalacións públicas municipais dos Concellos.
O resto dos 10 millóns foron dar a DepuEmprego (3 millóns), Servizo a Domicilio (1,5 millóns), Plan de Obras e Servizos (3,7 millóns), axudas para actividades culturais (80.000 euros), axudas para actividades deportivas (80.000 euros) e axudas para obras e equipamentos nas instalacións culturais (80.000 euros).

PUBLICIDADE