A Deputación de Lugo achegará unha app con 1.000 puntos turísticos e roteiros interactivos

venres, 26 de abril do 2019 Redacción

Darío Campos, presidente da Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo vai apostar de cheo polos móbiles para impulsar o turismo da provincia dende todas as súas frontes e de maneira rendíbel, eficiente e intelixente. Para conseguilo, aprobou a contratación do deseño dunha aplicación para dispositivos con arranca con 1.000 puntos turísticos e un roteiro interactivo.
Segundo explicou o Goberno provincial, trátase dunha iniciativa na que leva traballando a entidade dende hai tempo, que aposta pola universalidade (poderase usar dende calquera trebello móbil), pola información turística, pola promoción integral e por ofrecer visitas interactivas á cidade de Lugo (primeiro) e ao resto da provincia (despois). O percorrido intelixente pola cidade incluirá 12 puntos de información.
O orzamento será de 142.000 euros. A app comezará a funcionar con 1.000 puntos de intereses de todos os concellos e cos devanditos roteiros interactivos. O proxecto inclúe ademais a instalación de 200 novos paneis informativos ou sinais sobre os recursos turísticos, patrimoniais, gastronómicos ou culturais do casco histórico de Lugo. Asemade, habilitaranse máis de 150 indicadores peonís para os visitantes.
Para o funcionamento da ferramenta, colocaranse unha ducia de tótems, que ofrecerán datos a través de Bluetooth para realizar a ruta: cada vez que un usuario pase con diante deste tótems, recibirá información auditiva sobre o recurso turístico que está a ver.

PUBLICIDADE