A Deputación de Lugo achega ao seu apoio á segunda tempada de O Sabor das Margaridas

xoves, 6 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

A serie de televisión O Sabor das Margaridas, un fito no noso audiovisual por ser a primeira serie en lingua galega que chegou á plataforma tecnolóxica Netflix (e tamén polas importantes audiencias acadadas nesta canle internacional de streaming, onde está dispoñíbel en 30 idiomas), vén de recibir un importante pulo da Deputación de Lugo, que vai colaborar económica e promocionalmente coa serie, hoxe mergullada na materialización da súa segunda tempada.
Así o fixo saber hoxe o presidente da entidade, José Tomé Roca, que estivo acompañado polo deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, e parte do equipo de produción e rodaxe de O Sabor das Margaridas.
Como lembraremos, a segunda tempada da serie estase a filmar nunha manchea de recantos Lugo, en paraxes como a Ribeira Sacra, o Pazo de Adai, O Corgo, ou a capital lucense.
O presidente subliñou que colaborar con O Sabor das Margaridas, da produtora galega CTV, supón “unha gran oportunidade para a proxección internacional da riqueza paisaxística e cultural da provincia”. E engadiu: “É un xeito moi efectivo de dar a coñecer a nosa terra, de incentivar o turismo, de chegar aos demais. Estou convencido de que ingleses e irlandeses, que situaron O Sabor das Margaridas como unha das súas series favoritas en Netflix, terán grazas a esta ficción máis motivos para querer coñecer a provincia de Lugo e para vir a visitarnos”.
O equipo audiovisual que participou na recepción e na rolda de prensa aos medios estivo formado por Ghaleb Jaber Martínez, produtor executivo, creador e guionista; Concha Fontenla, directora de produción; Eligio Montero e Raquel Arias, guionistas; Antonio Pereira, director de arte; Santi Prego e David Seijo, actores; e Ana Ferreirós, responábel de relacións institucionais.
Tomé salientou o apoio da Deputación á industria audiovisual lucense e galega, materializado en colaboracións nos últimos dez anos cunha vintena de películas, series, documentais e curtas, porque “apoiar ao audiovisual é crear industria, emprego, fomentar a cultura, a nosa lingua e tamén impulsar o turismo”.
Pola súa banda, o produtor executivo de O Sabor das Margaridas agradeceu á Deputación “a aposta polo audiovisual como medio de visualizar unha terra”, ao tempo que enxalzou o seu papel de “lanzadeira para as nosas series e películas”.
A nova tempada
A nova tempada deste proxecto audiovisual contén seis episodios de 70 minutos con escenas rodadas en varias localizacións da provincia de Lugo como son o Miradoiro do Duque na Ribeira Sacra ou o Pazo de Adai do Corgo, entre outras. Os capítulos estarán dirixidos por Álex Sampaio con guión orixinal de Ghaleb Jaber Martínez, Eligio Montero e Raquel Arias. No reparto da segunda tempada recuncan María Mera e Sara Sanz, a quen se unen o actor vigués Santi Prego (considerado un actor revelación a nivel estatal pola súa participación interpretando ao ditador Francisco Franco en Mientras dure la guerra), a actriz arxentina Noelia Castaño, a actriz e youtubeira viguesa Rebeca Stones, e o actor arousán David Seijo.

PUBLICIDADE