A Deputación da Coruña quere acadar o máximo nivel de eAdministración na provincia

xoves, 7 de abril do 2016 Redacción

Dende a Deputación da Coruña veñen de informar da súa intención de acadar un nivel do 100% en materia de implantación de Administración Electrónica, tanto no seu seo coma nos concellos da provincia. Con este fin, a Deputación da Coruña licita por 1,2 millóns de euros a ampliación de servizos e instalacións do Sistema Integrado de Xestión Municipal AL-SIGM nos vindeiros dous anos, segundo explicou o presidente provincial, Valentín González Formoso, quen lembrou que a entidade que dirixe “vén traballando dende hai tempo neste ámbito e xerando a experiencia precisa para acadar unha Administración integramente electrónica, con cero papel e interconectada.
Estes obxectivos, engadiu, posibilitarán dotar os procesos administrativos “de máis axilidade, accesibilidade e control”, beneficiando tanto ao cidadán como aos propios concellos, “aos que apoiamos neste proceso de cambio tecnolóxico", sinalou.
González Formoso, amais, enumerou as vantaxes e funcionalidades da plataforma AL-SIGM, a través da cal os concellos poden levar a cabo a xestión integral do procedemento administrativo dun expediente. “Alén disto”, dixo, “a través das 85 sedes electrónicas municipais impulsadas pola Deputación na provincia, os cidadáns poden realizar dende o seu enderezo xestións administrativas cotiáns como a solicitude dun volante de empadroamento, dunha subvención ou dunha licenza, así como recibir información do estado do proceso do expediente e notificacións do resultado das súas xestións”. En total, engadiu, están operativos un total de 85 portais de transparencia locais.
Seguindo co reconto de retos acadados, o presidente da Deputación lembrou que o ano pasado, os concellos da provincia da Coruña aos que dá soporte a entidade que dirixe tramitaron “máis de 70.000 expedientes de xeito dixital, aos que hai que cómpre engadir os mais de 10.000 correspondentes á Deputación”. Esta, de feito, tramita xa exclusivamente por vía telemática programas como os plans de investimentos encamiñados aos concellos da provincia (POS, PAS, PAI...) ou os programas de subvencións para actividades culturais, deportivas, económicas, etc.

PUBLICIDADE