A Deputación da Coruña pon en marcha un servizo de pagamento de impostos a través do móbil

mércores, 18 de novembro do 2009 Marcus Fernández

A Deputación da Coruña, en colaboración con Caixa Galicia, creou un servizo que permitirá que o contribuínte poida domiciliar os seus recibos e formalizar o pagamento dos impostos locais a través do teléfono móbil. Simplemente, enviando unha SMS á Deputación ao 7485, indicando alta, o DNI, e a conta na que queira domiciliar o recibo, calquera cidadán, de forma sinxela, poderá domiciliar o pagamento dos tributos de carácter municipal. Orientado aos clientes de Caixa Galicia, este servizo estará operativo nos primeiros días de decembro, tras a entrada en vigor da nova Lei de servizos de pagamento, publicada no BOE o pasado día 14.
Ademais, o servizo dispón dun sistema de alertas SMS mediante o cal os cidadáns poderán ser informados das campañas que poña en marcha a Deputación da Coruña sobre as datas de aboamento dos tributos, bonificacións, e outros datos de interese. Xa en funcionamento desde o pasado luns, remitíronse nos últimos días máis de 8.000 SMS, e 7.000 correos electrónicos a outros tantos contribuíntes.
Este servizo foi presentado na sede da Deputación da Coruña no curso dun acto no que participaron o presidente da institución provincial, Salvador Fernández Moreda; o director de sistemas da entidade financeira, José Manuel Valiño Vázquez, e o tesoureiro provincial, Enrique Calvete.
Segundo explicou Fernández Moreda, na actualidade un total de 82 concellos da provincia, e os integrados no Consorcio das Mariñas, delegaron na Deputación da Coruña a xestión e recadación dos tributos locais, polo que esta nova iniciativa facilitará o pagamento dos impostos mediante as novas tecnoloxías e permitiralle á Deputación da Coruña ofrecer maiores opcións para satisfacer o pagamento dos tributos de ámbito local como o imposto de bens inmobles rústicos e urbanos, o de vehículos de tracción mecánica, o imposto sobre o valor dos terreos, e todo tipo de prezos e taxas públicas, como a taxa de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos.

PUBLICIDADE