A Deputación da Coruña impulsa nas redes a Feira do Libro da Coruña

mércores, 3 de agosto do 2016 Redacción

A Deputación da Coruña está a darlle impulso nas redes sociais á Feira do Libro da Coruña, que se desenvolve até o 10 de agosto. Na inauguración do evento libreiro participou, de feito, a vicepresidenta e responsábel de Cultura da entidade provincial, Goretti Sanmartín, que defendeu o acto de ler como “un acto colectivo que implica ás persoas que len pero tamén ás mestras e mestres e ás que escriben, editan ou traballan nas librarías”. O acto de apertura da Feira do Libro contou tamén coa intervención da presidenta da Federación de Libreiros, Pilar Rodríguez, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez e o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, ademais de de Pinto e Chinto (lectores do pregón).
Segundo fixo saber Goretti Sanmartín, a presenza da área de Cultura da Deputación difundirase nas redes por medio dun vídeo de promoción que levará o lema #CulturaenIrmandade e que incluirá referencias a Manuel María, ás Irmandades e á literatura galega, ademais da participación de distintas persoas ligadas á literatura que explican as razóns que as levaron a seren lectoras e escritoras. Entre as integrantes desta irmandade lectora que concorren no vídeo atópanse a escritora Rosalía Fernández Rial, a historiadora Mercedes Queixas ou o coordinador de actividades da Fundación Manuel María, Fran Rei.
Segundo fai saber a Deputación, coa devandita etiqueta tamén se vai difundir o #CaféDasIrmandades, unha actividade na que ás asistentes a feira poderán retratarse con Antón Vilar Ponte e María Miramontes, dous dos protagonistas das Irmandades da Fala. O día 4 de agosto pola mañá, entre as 11:00 e as 12:00 da mañá e outro o 10 a de agosto pola tarde, entre as 18:00 e as 19:00 serían as dúas sesións nas que, ademais, se desenvolverían conversas sobre as Irmandades arredor dun café. Pola súa banda, #LibrosEnIrmandade é a etiqueta coa que se marcarán minivideos de 30 segundos para, en palabras da entidade provincial coruñesa, “incrustalos directamente nas redes sociais”. Así, a través desta iniciativa dixital, “autores e autoras literarias que pasen pola feira falarannos dos seus libros e as persoas asistentes recomendarán a lectura de dos seus títulos preferidos”.

PUBLICIDADE