A Deputación da Coruña impulsa a creación de Oficinas de Rexistro Cl@ve en Cariño, Coirós, Dumbría, Muxía e Neda

venres, 19 de maio do 2023 S. P.

A Deputación da Coruña impulsou a creación de cinco novas Oficinas de Rexistro Cl@ve en concellos da provincia. Deste xeito, Cariño, Coirós, Dumbría, Muxía e Neda poden xa obter nos seus concellos a identificación Cl@ve para acceder aos servizos e trámites a través da Administración Electrónica.
Segundo informou a Deputación, as oficinas (entidades físicas de rexistro dixital) quedaron activadas este 16 de maio. Con elas,” materialízase así un dos obxectivos principais do proxecto Concello Dixital: achegar de forma real é útil a administración electrónica á cidadanía”, engadiu a entidade provincial.
Calquera persoa que así o desexe poderá obter de modo presencial e sen desprazarse fóra do seu concello, a identificación Cl@ve necesaria para acceder aos servizos públicos a través da Administración Electrónica, entre se atopan as propias sedes electrónicas municipais. A acreditación da identidade faise coa presentación do DNI e un número de teléfono móbil, nacional ou estranxeiro, a onde chegara a mensaxe (SMS) de benvida ao sistema.
Estas novas oficinas súmanse xa ás existentes nos concellos de Abegondo, Boqueixón, Cambre, Curtis, Oroso, Santa Comba e Vedra, entidades que xa finalizaron, con éxito, o seu proceso de transformación dixital ao abeiro do proxecto impulsado pola Deputación coruñesa.


PUBLICIDADE