A Deputación da Coruña galeguiza a súa presenza en liña

venres, 6 de novembro do 2015 Redacción

A Deputación da Coruña segue avante na súa aposta a prol do galego. Desta volta, anunciaban que na orde do día do pleno que se levou a cabo hoxe (venres, 6 de novembro) se incluía a modificación da ordenanza xeral da administración electrónica da Deputación Provincial da Coruña, ou dito doutro xeito: a identificación dixital dicoruna.es pasará a ser dacoruna.gal. Cómpre dicir que a mudanza abranguerá non só ao correo electrónico senón tamén á páxina web e á sede electrónica, o espazo dixital a través do que se desenvolven ás tramitacións administrativas.
A Deputación achega así o seu dominio á identificación galega “.gal” mais na mudanza galeguízase tamén o nome co que se presenta no eido dixital do “dicoruna” a “dacoruna”.
A ordenanza modifica a identificación da presenza electrónica que será operativa unha vez rematada a tramitación pertinente, un proceso que é máis complexo no caso da sede electrónica. A Deputación estaría en disposición de emitir de contado correos co dominio “.gal” mais habilitarase un período de transición en que estarían operativas as dúas fórmulas.

PUBLICIDADE