A Deputación da Coruña formará 15 profesionais en desenvolvemento de aplicacións

venres, 4 de agosto do 2017 Redacción

A Deputación da Coruña vén de achegar detalles sobre o seu programa de formación e prácticas para menores de 30 anos en concellos de menos de 50.000 habitantes, un programa que asenta unha parte importante do seu contido nas novas tecnoloxías da información. Este proxecto, chamado Estratexia de Inserción Xove (EIXO), ten como obxectivo principal incrementar a inserción laboral dos mozos e mozas da provincia, “aumentando a súa capacitación nos sectores con máis demanda de profesionais cualificados”.
EIXO ofrecerá nove itinerarios distintos que, ademais da formación profesional e prácticas específicas de cada sector, contarán con módulos transversais de sensibilización á igualdade, prevención de riscos laborais, tecnoloxías da información e da comunicación, redes sociais e inglés profesional. Isto acompañarase con dispositivos de orientación, formación e inserción. En termos concretos, cada participante contará con este tipo de asesoramento a longo de 100 horas como mínimo.
Dentro do proxecto, haberá dous itinerarios de formación e prácticas en actividades auxiliares de almacén, cun total de 30 prazas e 522 horas.
No eido da informática e as telecomunicacións, no itinerario de desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web formaranse 15 profesionais, que realizarán un programa formativo de 845 horas, incluíndo 80 horas de prácticas profesionais en empresas.
Así mesmo, desenvolveranse outras dúas edicións dun itinerario de limpeza en espazos abertos e instalacións industriais, que contarán con 15 prazas en cada un e un total de 452 horas, 40 delas de prácticas profesionais. Igualmente, ofreceranse dúas edicións de formación para a obtención do carné e o certificado profesional para o transporte de mercancías por estrada. Neste caso, o número de horas será 320.
Doutra banda, haberá un itinerario de coordinación de servizos de socorrismo en instalacións e espazos naturais acuáticas, con prazas para 15 persoas e unha duración de 1.070 horas.
Por último, o proxecto EIXO contará tamén cun itinerario específico de 760 horas de prácticas profesionais en sectores emerxentes.

PUBLICIDADE