A Deputación da Coruña festexa nas redes o Día de Rosalía

mércores, 24 de febreiro do 2021 Redacción

A Deputación da Coruña, a través da súa área de Cultura, vai festexar o Día de Rosalía (este mércores 24 de febreiro) cunha xornada especial do seu festival online. Este desenvolverase até o vindeiro 3 de marzo con novos contidos arredor da nosa escritora inmortal. A música Uxía, a escritora María Reimóndez e o remate do ruta arredor do territorio vital da poeta de Padrón son a aposta do Festival Rosalía da área de Cultura da Deputación da Coruña que chega á súa cuarta edición na Rede.
Así, está previsto que ao longo deste 24 de febreiro o Festival Rosalía achegue “novas visións ao redor da escritora”, desta vez da man da música Uxía e da escritora María Reimóndez, co seu vídeo 360º. Nesta xornada tamén chegará ao seu remate a serie divulgativa #Rosalía7lugares, que desvelou espazos de especial relevancia para a autora de Follas Novas, como o lugar de Camiño Novo, Ortoño, o Liceo de la Juventud ou Muxía, entre outros.
“A nova proposta na Rede está a sorprender con iniciativas distintas que levan á escritora a novas linguaxes e soportes e demostran o actual e poderosa que é a obra e a figura de Rosalía de Castro, unha verdadeira fortuna para a cultura galega”, sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto que participa hoxe nos actos oficiais organizados pola Fundación Rosalía en Santiago de Compostela.
Até o momento realizáronse máis dunha ducia publicacións, entre as que se atopan vídeos de escritoras e artistas como Rosalía Fernández Rial ou Larraitz Urruzola, así como doutras creadoras como Zaza Ceballos, Iria Ribadomar ou Sandra de Rego, que nos falaron da vixencia e a influencia da obra de Rosalía hoxe en día.
Ademais, nesta nova edición deuse inicio á serie de publicacións #Rosalía7lugares para coñecermos diferentes localizacións relevantes relacionadas coa vida da autora.
Nos días seguintes, e até o día 3 de marzo, irán publicándose novas achegas e coñecendo novas perspectivas sobre Rosalía, como a da escritora Antía Yáñez, das músicas Guadi Galego ou Aid, así como do mundo do teatro, da man de Tero Rodríguez e Nate Borrajo, ou da creación, como a iniciativa Rosalía pioneira de Punto e coma, ou as de OZOCOgz e Rei Zentolo.

PUBLICIDADE