A Deputación da Coruña e a Cámara de Santiago formalizan a creación do Coworking Dixital CCompostela
luns, 10 de xaneiro do 2022
O
presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e
o vicepresidente da Cámara de Comercio de Compostela, José Carballo
García, xunto ao deputado de Emprego, José Ramón Rioboo,
formalizaron este 10 de xaneiro un
convenio de colaboración para o desenvolvemento do proxecto
Coworking Dixital CCompostela, no marco do Plan de Emprego Local
(PEL) e con vistas a formar parte da Rede de Espazos de Traballo
Colaborativo da institución provincial.
Segundo
informaron as entidades implicadas, o Coworking Dixital CCompostela
busca “apoiar a transformación das pemes no momento actual de
reflexión sobre a dixitalización que se leva a cabo en España e
Europa”, como “vía necesaria para reforzar a súa produtividade,
a súa competitividade, o seu crecemento e a súa
internacionalización e, en certos casos, mesmo a súa
supervivencia”.
Para
co-financialo a Deputación achegará 37.789,50 euros de fondos
propios, o que supón o 20% do total, que ascende a 188.947,52 euros.
Segundo
fixeron saber, a posta en marcha do Coworking Dixital CCompostela
ofrecerá non só apoio tecnolóxico, senón tamén centrado no
desenvolvemento de novos modelos de negocio baseados na economía
dixital, ademais de prestar apoio noutras áreas como a financeira e
formativa. A entidade cameral engadiu que “terá unha visión
holística da innovación, abranguendo unha completa batería de
servizos en torno ás dimensións de negocio, ao financiamento, á
xestión da innovación e á transferencia de tecnoloxía, poñendo
especial énfase nos aspectos relacionados coa colaboración e o
networking”.
O
espazo estará destinado a facilitar e garantir a optimización da
capacidade de innovación das pemes, micropemes e emprendedores e
acelerar o seu proceso de dixitalización e incorporación de
tecnoloxía para mellorar a súa competitividade.
O
proxecto ten “un marcado carácter supramunicipal”, explicaron as
entidades, engadindo que o su ámbito de actuación é o mesmo que o
da Cámara de Comercio de Santiago, que comprende un total de 32
concellos da provincia: A Baña, Ames, Arzúa, Boimorto, Boiro,
Boqueixón, Brión, Carnota, Dodro, Lousame, Mazaricos, Melide,
Muros, Negreira, Noia, O Pino, Outes, Padrón, Porto do Son, Pobra do
Caramiñal, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago de
Compostela, Santiso, Sobrado, Teo, Touro, Toques, Vedra e Vilasantar.
“En
definitiva”, engadiron as institucións, “o Coworking Dixital
CCompostela incidirá directamente no medre económico da contorna
compostelá e das comarcas próximas, a través da especialización
tecnolóxica nos sectores produtivos industriais mediante a
aplicación de tecnoloxías dixitais, todo iso baseado nun modelo
innovador de transferencia de coñecemento”.