A Deputación da Coruña acolleu a presentación da novela visual interactiva Ti Primeiro, de Melgo Cinema

mércores, 14 de xullo do 2021 S. P.

Este 13 de xullo celebrouse a presentación da novela visual interactiva Ti Primeiro, de Melgo Cinema. Segundo fixo saber o seu creador e director, Roberto Alvite, o proxecto estará dispoñíbel este mes de agosto en formato de aplicación móbil para dispositivos a nivel internacional. Ti Primeiro conta co apoio da Deputación da Coruña (a través da súa liña de subvencións para a produción de proxectos singulares e de interese cultural), cuxo deputado responsábel de Cultura, Xurxo Couto, participou na presentación no pazo provincial.
Como dixemos, a novela terá o seu lanzamento internacional no mes de agosto en formato de aplicación para dispositivos móbiles. Está escrita, dirixida e producida por Roberto Alvite, fundador da produtora galega Melgo Cinema, e consiste nunha ferramenta tecnolóxica con imaxe real que convida aos lectores a vivir “unha experiencia inmersiva única” mediante unha nova narrativa que explora as relacións de parella actuais e a súa evolución co paso do tempo.
Deste xeito, a través da aplicación os usuarios terán a oportunidade de introducirse na intimidade dunha parella e escoller o camiño dos dous protagonistas.
A partir deste verán os tres capítulos, de 60 minutos cada un, que compoñen a experiencia estarán dispoñíbeis de maneira simultánea para iOS e Android en seis idiomas: galego, español, inglés, francés, italiano e portugués de Brasil.
O primeiro capítulo lanzarase de balde e os outros dous por un importe conxunto e único de 4,99 euros.
Segundo se fixo saber na presentación, Ti Primeiro aborda temas como o amor, a amizade, o desexo e a perda desde unha “mirada fresca, lúdica e libre de prexuízos”. A través da aplicación os usuarios decidirán de xeito interactiva e inmersiva as sorpresas, xiros e revelacións desta aventura romántica.
Roberto Alvite agradeceu á Deputación “o traballo que está a facer no eido cultural xa que, ademais de vontade para iniciar proxectos, necesítanse recursos" e explicou que “o tipo de propostas nas que traballamos en Melgocinema buscan tratar realidades do día a día nas que nos poidamos ver identificados, neste caso moi particularmente a mocidade”.
Na presentación tamén participaron Iris Darriba, actriz co-protagonista, que expresou que “foi un reto a nivel actoral porque a forma de traballar era diferente, a creación de personaxe tiña que ter moi claro cal era a emoción e o fotograma clave que se quería conseguir para poder estruturar sobre el o resto do diálogo”, e a representante de Triodos Bank, Claudina Suárez.

PUBLICIDADE