A Deputación da Coruña achega 4,3 millóns de euros para impulsar a creación de emprego e a innovación nas empresas

xoves, 1 de marzo do 2018 Redacción

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González FormosoA Deputación da Coruña confirmou esta semana que vai destinar 4,3 millóns de euros para axudar ás PEME da provincia e ás persoas emprendedoras nas súas estratexias de contratación de novas e novos traballadoras/es e máis na adquisición de bens que lles axuden na súa actividade de mercado. Estas contribucións da entidade que preside Valentín González canalizaranse a través das liñas PEL PEME e PEL Emprende. O primeiro programa diríxese a incentivar a incorporación de novo persoal en pequenas e medianas empresas e o segundo, a impulsar as novas iniciativas empresariais no ámbito provincial. Ou sexa, a fortalecer os seus recursos para seren máis eficientes e competitivas (por exemplo a través da adquisición de material TIC e outros elementos innovadores).
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, salientou que estes dous programas de axudas convócanse por segundo ano consecutivo, “tralo éxito da convocatoria anterior, que contou cunha gran acollida entre as empresas da provincia e que cumpriu cos obxectivos fundamentais de impulsar o emprego de calidade nos concellos coruñeses e dinamizar o tecido socioeconómico local”.
Segundo fixo saber, en 2017 as axudas do PEL permitiron a creación e mantemento de preto de 1.000 empregos na provincia. Nun plano máis detallado, a través da liña PEL PEME, a Deputación contribuíu á creación de 224 novos postos de traballo, mentres que ao abeiro do PEL Emprende impulsáronse 194 novos proxectos emprendedores. A estas liñas cómpre engadir unha terceira liña, PEL Concellos, que se convocará en datas vindeiras e que na anterior edición posibilitou a contratación de 477 persoas desempregadas para a prestación de servizos locais básicos nos 82 municipos da provincia de menos de 20.000 habitantes.
O presidente puxo o foco ademais na intención da entidade provincial de “continuar ofrecendo estas axudas e mesmo incrementar aínda máis a dotación do plan de emprego nas vindeiras edicións do programa”.
O prazo de presentación de solicitudes para concorrer ás subvencións comezou esta cuarta feira, mércores 28, e remata o día 22 de marzo de 2018, ás 14.00 horas. As persoas interesadas poden presentar as súas solicitudes de forma telemática a través do portal de subvencións da Deputación da Coruña.
A liña PEL PEME, dotada con 3,1 millóns de euros, ofrecerá as mesmas axudas que en 2017, para financiar o 75% dos custos salariais das novas contratacións nas empresas da provincia durante 1 ano. Para concorrer a esta liña, as empresas deben ter o seu centro de traballo rexistrado nun concello de menos de 20.000 habitantes da provincia da Coruña.
As contratacións deberán realizarse entre o 1 de xaneiro de 2018 e até dous meses despois da data de concesión da axuda, que cubrirá os custos salariais e as cotas da Seguridade Social, cun importe que varía entre un mínimo de 13.500 euros e un máximo de 16.500 euros, en función da categoría profesional do traballador ou traballadora a contratar.
Ademais, e como novidade, as firmas que xa contrataron a unha persoa ao abeiro do PEL PEME 2017, poderán solicitar tamén unha nova axuda para custear o 50% do salario deste traballador durante un segundo ano.
Polo que respecta á liña PEL Emprende, que terá un orzamento total de 1.161.528 euros, a Deputación concederá ao seu abeiro axudas aos novos emprendedores e emprendedoras da provincia para realizar investimentos e actividades necesarias para o desenvolvemento da súa actividade profesional. O importe máximo da axuda a conceder ascende a 20.000 euros, cun orzamento de gasto de ata 25.000 euros, o que supón un financiamento do 80% do investimento realizado polo solicitante. Ademais, se quen realiza a petición ten a súa empresa nun concello de menos de 20.000 habitantes, é unha muller, unha persoa con diversidade funcional ou en risco de exclusión social, a axuda poderá incrementarse 3.000 euros máis, até un total de 23.000 euros.
Para recibir a devandita subvención, os investimentos deberán realizarse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro, e deberán estar directamente relacionados co desenvolvemento da actividade empresarial. Poderán subvencionarse bens como maquinaria, aplicacións informáticas, mobiliario ou equipos e útiles de traballo.
No capítulo de novidades cómpre salientar que PEL Emprende tamén subvencionará actividades e actuacións que sirvan para desenvolver a empresa e potenciar a súa competitividade, como servizos de consultoría, mercadotecnia e comunicación ou formación. Esta nova liña PEL Emprende - Actividades convocarase oficialmente nos próximos días.


PUBLICIDADE