A Deputación adxudica o contrato de eAdministración nos concellos de Pontevedra

luns, 17 de outubro do 2016 Redacción

A Deputación de Pontevedra anunciaba hoxe a adxudicación da prestación do servizo para a introdución, uso e soporte dunha solución de administración electrónica para concellos. Así, a empresa elixida para facer realidade a administración electrónica nos concellos de menos de 50.000 habitantes é Auloce S.A (Espublico), empresa que achega servizos e tecnoloxías da información e que se atopa emprazada en Zaragoza, centrando boa parte dos seus esforzos en favorecer, precisamente, ferramentas e recursos para impulsar a dixitalización das entidades locais.
Emporiso, mediante este contrato, a Deputación de Pontevedra promoverá solucións de administración electrónica para que os concellos de menos de 50.000 habitantes poidan dispoñer dunha sede electrónica personalizada así coma dun portal de tramitación para os seus traballadores que permita a xestión integral dos procedementos e expedientes por medios electrónicos.
"Nestes últimos meses”, tal e como manifestou a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, “a Deputación de Pontevedra levou a cabo un proceso de introdución da administración electrónica nos seus centros de traballo”. Con este contrato, que ascende a 847.000 €, o que pretende a institución provincial é “dar servizo aos concellos da provincia que, por mor do seu tamaño e ó custo desta actuación, non contan cos recursos abondos para levar a cabo a adaptación e dar cumprimento á lexislación", engadiu Silva.

PUBLICIDADE